Publicado o

Verde lombo de dragón para ‘Dendrita’, o libro que inaugura a temporada de Chan da Pólvora Editora

 

Manolo Martínez elixiu un verde lombo de dragón [Pantone 583+negro] para Dendrita, o primeiro libro de Paula Luís e tamén o primeiro da nova temporada de Chan da Pólvora Editora. A sobrecuberta desta obra impactante, onde Paula Luís explora os labirintos da identidade, o funcionamento da mente e o xesto poético, estará vernizada sobre un papel Olim Regular Natural White de 120 gramos, con impresión a dúas tintas. O motivo da cuberta [a sorpresa que cada libro da editora agacha no seu deseño] é un debuxo de Ramón y Cajal, denominado Neurona de Purkinje do cerebro humano. A Paula Luís, o debuxo lémbralle a sucesión de Fibonacci, na que cada número é a suma dos dous anteriores. Esta visión encaixa perfectamente na esencia de Dendrita, que a poeta concibe desde a forza do colectivo. En dez días, o libro chegará ás librarías.