Chan da Pólvora Editora celebra o próximo sábado día 27 de xuño, a partir das oito do serán, o seu cuarto aniversario de actividade e faino abrindo o espazo da Horta das Chás. Trátase dun predio de seiscentos metros cadrados na Corrredoira das Fraguas, en Compostela, que forma parte dunha extraordinaria contorna comunal de cultivos. As Chás está concibido para acoller os recitais da editora pero tamén como primeiro paso na consolidación dunha sede física, despois de abrir o pasado marzo a súa web. No mesmo acto, presentaranse as dúas primeiras novidades da temporada: Dendrita de Paula Luís e Figuras masculinas de maio-corpo de Antom Fortes, volume ao se lle dedica o Libro do Orgullo Galego 2020, unha iniciativa coa que naceu precisamente a editora no ano 2016.
Este 27 de xuño, a partir das oito do serán, Chan da Pólvora Editora abre nova temporada, festexa aniversario e lembra o Día do Orgullo Galego [conmemoración do primeiro Estatuto de Autonomía e das reivindicacións dos colectrivos LGTBI+]. Para celebralo organizamos un encontro no que se inaugura o seu novo espazo de acción editorial e onde se presentarán as primeiras novidades dunha temporada marcada por apostas de risco e as sorpresas.
A editora naceu no ano 2016 dentro do proxecto comunal de Chan da Pólvora, impulsado por Alicia Fernández, Eduard Velasco, Gonzalo Hermo, Antón Lopo e Manolo Martínez. O proxecto botou a andar cunha libraría, que dirixiron na súa temporada inicial Fernández e Velasco. O recital co que se inaugurou [coordinado por Gonzalo Hermo] contou coa participación de Ana Romaní, Xosé María Álvarez Cáccamo, Oriana Méndez, Margarita Ledo, Juan Bello, Adriá Targa, Lara Rozados, Jesús Castro, García MC e Fran Cortegoso, poeta ligado estreitamente ao proxecto. Nos últimos anos, a libraría estivo dirixida polo poeta Quico Valeiras, ata que no pasado mes de abril se clausurou. O espazo expositivo abriu en 2017 coa proposta Alcouve de Fran Herbello.
Ao longo do tempo, uníronse ao proxecto Juan de Nieves coa súa aposta pola hibridación artística en Muro DöChan; ou Antón Blanco e Alexandre Fernández Peón, que coordinaron a editorial oral ChanZo. Ambos tiveron un período de actividade de varios meses e incluíron artistas como Javier Peñafiel, Valcárcel Medina, Paloma Polo ou Misha Bies Golas –no que atinxe a Muro DöChan– e Miriam Reyes, Cintadhesiva, Canine, Clara Gayo, Ze Paredes, Carlos Santiago, Neno Escuro ou Helena Salgueiro en ChanZo.
O catálogo da editora
Uns días despois da inauguración da libraría [un 28 de xuño] a editora presentaba o seu primeiro volume, Querido Eduardo, onde se recollen as cartas de Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco Amor. Desde entón, o encargado do deseño foi Manolo Martínez e Lopo o director editorial. Tras el viñeron A oseira de Antón Blanco, Urania de Chus Pato e Suicidas de Cortegoso, que chegaría ás librarías o mesmo día en que poeta falecía. Froito da alianza coa editorial Papeles Mínimos, dirixida por Imanol Bértolo, son os libros 13. Antoloxía da poesía galega próxima [realizada por Chus Nogueira] e Cidades [selección de poemas de Beatriz Chivite con tradución ao galego de Isaac Xubín]. Doutra alianza con Amastran-n-gallar [dirixida por Emilio Araúxo] saíron dous volumes encadrados na Colección N, un do propio Araúxo [Seica si] e outro de Miriam Sánchez Moreiras [Exhibición de Colorado].
Chan da Pólvora Editora promoveu, ao mesmo tempo, dous selos paralelos: a Biblioteca de Mesopotamia [dedicado a obras relacionadas coa Ribeira Sacra] e Batiscafo, destinado a difundir a poesía galega nos ámbitos de lectura en castelán. Máis recentemente, coincidindo coa posta en marcha da web www.chandapolvora.gal, activouse o ámbito dixital LIPo [de poesía sonora e audiovisual, coa participación de Chus Silva e Ana Romaní] e recuperouse o nome de ChanZo para unha revista de descarga gratuíta, accesible mediante a web.
O equipo de Chan da Pólvora Editora complétase actualmente con Luísa Iglesias [administración], Iris Cochón e Anxos Sumai [coordinación lingüística e de estilo], María Salvado [Horta das Chás] e Alexandre Fernández Peón [redes]. A iniciativa térmase de oitenta subscritor*s que funcionan como soporte de difusión e produción, ao tempo que crean unha rede de conexión ao longo do país. En catro anos de vida, Chan da Pólvora converteuse nun referente da edición poética en Galicia, cunha garantía de calidade que atinxe tanto á esixencia no deseño como á forza dos seus contidos.
Esta preocupación traduciuse nos últimos anos co recoñecemento de varios galardóns, entre eles dous premios da crítica española, un premio da Gala do Libro e o Premio Nacional de Poesía, que recibiu Pilar Pallarés por Tempo fósil. A editora puxo no centro dos discursos a periferia e apostou por un catálogo inclusivo e interxeracional, con cabida para as voces da poesía nacente e as xa afirmadas; as que nos sacoden e as que nos acollen. Camuflaxe, de Lupe Gómez, é un título lendario, traducido ao inglés, ao castelán e agora ao vasco. Canda ela, pódese atopar a Emilio Araúxo co Cancioneiro da Ribeira Sacra [Cinsa do vendo], Genaro Dasilva, María do Cebreiro, Jesús Castro, Uxío Novoneyra, Miriam Reyes, Xabier Cordal, Pablo Fidalgo, Mónica Sánchez, Xosé María Álvarez Cáccamo, Pau Vadell, Lorena Souto, Lara Dopazo, Arcadio López Casanova, Andrew McMillan, Carlos Lema, Teresa Moure, Rafa Lobelle, Ramón Blanco, Estevo Creus, Brane Mocetic, Samuel Solleiro, Carvalho Calero, Serafín Ferro, Franco del Carro, Federico García Lorca, Ánxel Fole, Antom Fortes ou Paula Luís.