O libro Tinta de Luz de Pepe Caccamo, que Chan da Pólvora publicou con imaxes de Berta Cáccamo, ingresou na Lista de Honra do Ibby, a organización internacional para o libro xuvenil. Pepe Cáccamo foi o único autor galego seleccionado nun apartado que recolle a só 68 escritores e escritoras do mundo, en 48 linguas diferentes e sesenta países. A inclusión nesta lista supón tamén un recoñecemento á excelencia editorial. A lista do Ibby, que inclúe no apartado de tradución á realizada ao galego por David A. Álvarez Martínez sobre Pippi mediaslongas de Astrid Lindgren, aparece cada dous anos en inglés. O máis importante desta lista é que representa o mellor da literatura de rapazas e rapaces que se publica no mundo e unha recomendación para a súa publicación nos países que pertencen a esta organziación internacional.
Debido á pandemia polo coronavirus, a presentación oficial da lista pospúxose este ano ata setembro de 2021, dentro do congreso que se celebrará en Moscova.
Tinta de luz foi o volume que abriu a colección Udra de poesía para nenas e nenos. Recentemente, chegou ás librarías o número dous desta colección, titulado, nos outras, un libro que pretende afianzar a idea de que non hai desculpas para a marxinación e o acoso escolar. Marica Campo é a autora dos poemas e Menchu Lamas a responsable das ilustracións.