O libro Álbum da cuarta dimensión de Carlos Lema, un dos títulos publicados por Chan da Pólvora Editora esta temporada, ocupa o primeiro posto entre as preferencias da crítica na Tabela dos Libros, apartado do blog Criticalia de Armando Requeixo no que participan Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero, Mario Regueira, Montse Penas e o propio Requeixo. Álbum da cuarta dimensión está a converterse nun dos grandes éxitos do ano 2020. En medio da desorientación creada pola pandemia, esta obra de máxima esixencia conceptual recibiu unha entusiasta acollida. A última recensión sobre a obra é de Xosé Manuel Eyré no seu Ferradura Blog. Eyré considera que estamos ante un “poemario actual a reflectir unha das problemáticas máis fondas, persistentes e decisivas da poesía, da filosofía e da vida de calquera: a maneira de coñecermos o mundo desde o que ficou del. Un poemario emotivo (non podemos nin debemos ficar “neutros” á vista do que o pasado nos deixou, nin tampouco deixarnos posuír polo espello deformante da melancolía extrema, que ben se nos advertiu) e reflexivo (desde o que nos deixa interpretar a inscrición na materia, nos restos da materia), audaz na forma de presentar esa aliaxe nada sinxela de transmitir aínda que pareza que sempre se fixo así, que esa é a materia da poesía.
Con anterioridade, Armando Requeixo, Ramón Rozas, Roman Raña, Inma Otero ou Mario Regueira publicaron as súas críticas, todas elas cunha valoración excepcional. Se Ramón Rozas subliña que “palabras como as propostas por Carlos Lema son un bálsamo, unha redención dese valor primixenio dende o que recoñercernos e incluso dende o que e explorar novas dimensións do que somos”, Inma Otero escribe: “Este Álbum da cuarta dimensión soa. Non só polo traballo artesanal cos fonemas e os ritmos en cada un dos textos. Toda a obra é unha composición musical en tres movementos, os tres apartados do libro”.