Nas cidades, a antoloxía de Beatriz Chivite que publicaron Papeles Mínimos e Chan da Pólvora, non só descubre unha voz nova na poesía en éuscaro senón que tamén permite achegarse a “un fermoso proxecto editorial que aposta polo plurilingüismo e o achegamento entre diversas culturas mercé a un traballo conxunto [que] ofrece unha rara, por infrecuente, edición tricolor con tradución dos textos da autora ao galego a cargo de Isaac Xubín”. Estas palabras de Ramón Nicolás no seu blog Caderno da crítica sirven de introdución a un artigo onde a poesía de Chivite brilla coa súa intensidade e sinxeleza.
O volume, no que tamén colaboran por parte galega Anxos Sumai e por parte vasca Jon Kortázar e Airoa Sampedro, é o segundo que se publica dentro da alianza entre Chan da Pólvora e Papeles Mínimos. Previamente, chegou ás librarías 13. Antoloxía da poesía galega próxima, unha edición bilingüe dos poetas galegos máis novos que realizou María Xesús Nogueira.
O comentario completo de Ramón Nicolás podedes atopalo aquí:
En las ciudades / Nas cidades / Hirietan, de Beatriz Chivite




nós outras, de Marica Campo e Menchu Lamas, entrou en imprenta. Trátase do novo título da colección Udra de poesía para nenas e menos, que nesta a súa segunda entrega aposta por un libro de cores e de valores. nós outras plasma o encontro de dúas creadoras que traballan desde distint as latitudes expresivas pero que desenvolveron posturas concorrentes de rebeldía e intensidade emocional. Nese encontro, as mans están abertas para ofrecer territorios comunais, ámbitos de intercambio, paisaxes que retratan a beleza e a complexidade de cada persoa. nós outras trata de afianzar nos nenos e nas nenas a idea de que non hai desculpas para a marxinación ou o acoso escolar. A raza, a condición social, as características físicas ou mentais, os xeitos de amar ou a procedencia xeográfica son a forza que nos une, un patrimonio compartido. Ao cabo, nós outras propón unha viaxe extraordinaria e fermosísima pola diversidade do mundo e a igualdade do ser humano. A primeiros de novembro o libro estará xa dispoñible na tenda desta web e nas vosas librarías de referencia.



