Ano: 2021
Fermoso, intenso, fascinante: así é ‘Simún’, a obra de Nuria Vilán que chega nun libro excepcional
(Acción de Nuria Vilán fotografada por Raquel Asensi)
Nuria Vilán Prado, máis coñecida nos circuítos da poesía oral galega baixo o seu alcume de Nuria Vil, dá o salto ao formato libro con Simún, o seu primeiro poemario. Chan da Pólvora, que xa a inclíu no seu avance xeracional Dentes para a mazá, pon esta semana nas librarías o volume, de 250 exemplares numerados. Nel, a característica paixón pola calidade da edición e a innovación de Chan da Pólvora, con cromatismos ácidos e xogos de perspectivas nos troqueis, aliánse cun texto destinado a converterse na gran revelación do ano.
Dentro das mulleres que nos últimos anos se foron construíndo unha traxectoria no difícil ámbito da oralidade, sen dúbida Nuria Vilán Prado é unha das figuras máis admiradas. Pero tamén unha das máis imprevisibles, cunha personalidade que sobarda os escenarios coa forza da súa presenza, fráxil e ao mesmo tempo magnética. Enfundada co alcume de Nuria Vil (un auténtico nome de guerra), Vilán Prado desenvolveu centos de recitais, accións, performances e torneos de slam. A súa proposta nunca deixou indiferente a ninguén e a súa poesía, agora que aparece en soporte de papel, tampouco o fará.
“neste lugar / hai unha certa violencia na forma de articular a palabra / verdade”, escribe a autora nesta sorprendente estrea literaria. Simún non só lle serve para indagar na poesía desde distintos ángulos, senón que lle permiten facer un exercicio de coherencia entre a oralidade da súa orixe e as posibilidades da escrita. Poucas veces se dá un debut tan excepcional. Os seus versos, construídos co mesmo vento abrasador que lle dá título ao libro, móvense entre o imprevisible e o cataclismo, entre o atrevemento e a loita cotra unha mesma como índice de xenialidade. Fermoso, intenso e fascinante.
Arcadio López-Casanova agasállanos coa súa panxoliña do ano 2021: a d’O Páramo
Fiel á súa cita anual, o poeta Arcadio López-Casanova agasállanos cunha nova panxolina, titulada Panxoliña d’O Páramo, precisamente o lugar no que o autor pasou a súa infancia. En 2019, Chan da Pólvora Editora publicou, dentro da colección Malaca de fóra, A canción da Noite que levas no corazón, un conxunto de panxoliñas escritas polo poeta ao longo dos últimos anos. A plaquette contaba cunha coda de Luís Cochón no que subliñaba, “A López-Casanova vénlle de vello a teimosía das panxoliñas, tradición lírica pola que lidou desde ben mozo para que tal tradiciñon non se perda (…) O autor deste lirismo admirable foise retraendo ata focalizar un motivo só, diáfano e misterioso: o Nadal do Neno ou a Pascua do Nadal”. A nova panxoliña de 2021 podédela ler na lapela de enABERTO.
‘Je vous salue, Fran Cortegoso’, unha plaquette de Pablo Fidalgo para lembrar ao autor de ‘Suicidas’
O cinco de outubro cumpríronse cinco anos do falemento de Francisco Cortegoso (Bora 1985–2016) e Chan da Pólvora dedicoulle un espazo especial na súa web [www.chandapolvora.gal]. Non se trataba unicamente dun tributo amical a alguén que participou activamente no proxecto da editora senón tamén que era unha demostración de admiración por un poeta de marcada singularidade e un dos primeiros autores do seu catálogo. Agora, chega ás librarías unha plaquette que o homenaxea a partir dos versos doutro poeta, Pablo Fidalgo Lareo en Je vous salue, Fran Cortegoso.
‘Feros Corvos’ chega esta semana ás librarías
Chan da Pólvora lembra o 25 aniversario do Batallón da Costa da Morte coa publicación de Feros Corvos, un libro preparado pola crítica literaria Teresa Seara que chega esta semana ás librarías dentro da colección Cova da lontra. O colectivo fundouse o 1 de maio de 1996 como confluencia dunha serie de grupos e asociacións que intentaban enfrontarse ás condicións adversas da cultura e que arelaban, sobre todo, publicar. A crítica literaria Teresa Seara acompañounos en parte do seu camiño e agora reconstrúe para Chan da Pólvora Editora aquela travesía nun libro que escolma os poemas do Batallón e fai memoria dun período carregado de vivacidade. Esta fin de semana o libro será un agasallo da Secretaría Xeral de Política Lingüística –que apoiou a edición do volume– no recital que os membros do batallón realizarán no Parador da Costa da Morte o día 18 a partir das seis da tarde.
Continúe lendo ‘Feros Corvos’ chega esta semana ás librarías
‘URDA’, a conciencia literaria de quico que lle valeu o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón
URDA é o título do segundo libro de quico, un explorador das linguaxes expresivas difícil de clasificar no panorama poético galego actual. Con este volume, o poeta gaño a edición 2020 do Premio Eusebio Lorenzo Balearon, un dos máis prestigiosos dos que se convocan en Galicia.
A exploración previa de quico en O tempo da cereixa ou nos seus múltiples traballos de poesía visual eclosiona en URDA cun esplendor estético inquietante e radical. O autor non só se enfronta á poesía como unha forma de experimentación das emocións, senón que elixe o camiño máis complexo. A súa palabra rompe o sentido da escrita e constrúe conciencia literaria. Deixa no pouso do verso as inquedanzas de Celan, o humus de Chus Pato e a afouteza de Alba Cid para sobardar as referencias e reconstruirse nunha caste de xenio protector que reflexiona sobre política, sobre estética e sobre o propio feito da escrita. A lucidez do autor vai en paralelo á explosión que os seus versos provoca. Esa sensación de que o silencio grita significados que a palabra oculta.
quico (Arcos, 1990) é un dos axitadores do panorama poético de Galicia ao longo da última década. Revelouse co libro O tempo da cireixa (2019) e de maneira simultánea convertíase nunha referencia como programador libreiro ao asumir a dirección de Chan da Pólvora Libraría entre 2018 e 2020. Recitador en distintos festivais como o do Condado, quico asegura que en URDA se atinxen dous fracasos: o de Europa como proxecto social e o da escrita.