O martes 23 de marzo chegou ás librarías De certo, a vida ía en serio, de Xela Arias, unha singular achega de Chan da Polvora para celebrar o Día das Letras Galegas. A partir de entrevistas, conferencias, reflexións, autopoéticas e poemas, o volume permítenos descubrir a personalidade e a obra da autora cunha perspectiva ata agora inédita. Maria Xesus Nogueira foi a encargada de realizar a selección de textos e mais as contornas que pechan o volume, un traballo de indagación que axuda a abrir as lecturas sobre unha muller que vivíu de maneira intensa e, con frecuencia indómita, o seu tempo.
“Asinamos ser libres e o vieiro é a independencia total e gratuíta”, escribe Xela Arias neste libro de forza incontestable, titulado como un dos seus versos máis rotundos, De certo, a vida ía en serio. Non se trata unicamente dunha escolma ou dunha biografía. Estamos ante unha mirada transversal que reconstrúe a complexidade da escritora a través das súas propias palabras, pero tamén unha esixente selección de poemas, intensos e demoledores, visionarios e inquietantes.