Publicado o

Antón Reixa leva os poemas de ‘Outlet’ á Fundación Luís Seoane da Coruña xunto a Alberto Avendaño


Antón Reixa levará os poemas de Outlet, un libro publicado por Chan da Pólvora, á Fundación Luís Seoane da Coruña, nun acto que se desenvolverá o mércores nove de xuño a partir das 20 horas. Reixa estará acompañado por Alberto Avendaño, poeta e compañeiro de experiencias no colectivo Rompente, que se mergullará no mundo en perpetua transformación reflictido por Reixa en Outlet, o seu regreso á poesía tras anos de silencio.

Continúe lendo Antón Reixa leva os poemas de ‘Outlet’ á Fundación Luís Seoane da Coruña xunto a Alberto Avendaño

Publicado o

Marica Campo presenta o vindeiro un de xuño en Sober o seu libro ‘nós outras’

Marica Campo, autora dos poemas de nós outras, estará o próximo un de xuño no Centro Sociocultural de Sober para presentar este volume, editado por Chan da Pólvora con imaxes de Menchu Lamas. Será nun acto, organizado a partir das 19,30 horas, no que estará acompañada por Antón Lopo, director do selo editorial. nós outras, publicado na colección Udra de poesía para nenos e nenas, acaba de ser recoñecido co Premio Follas Novas ao mellor libro editado de 2020, galardón que convocan as asociacións de escritores, editores e libreiros.

Continúe lendo Marica Campo presenta o vindeiro un de xuño en Sober o seu libro ‘nós outras’

Publicado o

Chan da Pólvora e o Ateneo de Monforte réndenlle homenaxe a Lois Pereiro no seu 25 cabodano

Chan da Pólvora lembra o próximo luns [24 de maio] o 25 aniversario da morte de Lois Pereiro e homenaxeamos o autor na súa cidade natal [Monforte de Lemos] coa presentación de Cadernos persoais, un conxunto de diarios inéditos que acaba de aparecer na colección Cova da Lontra da editorial.  A homenaxe, que se celebra a partir das oito da tarde nun acto coorganizado polo Ateneo Casino de Monforte, contará coa presenza de Xosé Manuel Pereiro, Inés Pereiro e Héctor Cajaraville, encargado de realizar a edición e as notas do volume. 

Continúe lendo Chan da Pólvora e o Ateneo de Monforte réndenlle homenaxe a Lois Pereiro no seu 25 cabodano

Publicado o

‘A desvértebra’, de Ana Romaní, convértese no mellor libro de poesía do ano

A desvértebra, un título editado por Chan Pólvora que significou o regreso de Ana Romaní á poesía tras case unha década de silencio, foi aclamado onte  [sábado, 15 de maio] como o mellor libro de poesía do ano 2020, dentro dunha gala organizada pols Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación Libreiros de Galicia. A gala tivo lugar no Teatro Principal de Compostela, conducida por Quico Cadaval coa participación do cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago.  Outro título de Chan da Pólvora, nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas, converteuse tamén no libro mellor editado do ano por ser, segundo o xurado, unha “edición case artesanal na que todas as pezas da edición encaixan para conseguir un volume con identidade única. Que une con exquisitez a voz da poesía e as imaxes. Combinando literatura infantil con arte contemporánea”.

A desvértebra [que pode verse, segundo o xurado como “unha reacción contra a sociedade do espectáculo, mantendo a tensión entre a tradición e a modernidade poética”] supón un xiro revelador na obra de Ana Romaní, que lle descubre ás lectoras e lectores novas vertentes e expresións dunha voz que xa é, en por si, unha das máis admiradas da poesía galega contemporánea. Estamos ante un libro que imbrica a trascendencia co humor, a postura de radicalidade ética coa máis fina ironía ata conseguir un dos títulos máis relevantes que se publicaron en Galicia nos últimos anos.

A desvértebra é un territorio literario, xeográfico e político que Ana Romaní cartografía co rigoroso instrumental do poema, convertido aquí na substancia dun corpo común, social, inmobilizado, pero tamén nun exercicio liberador de ironía e irreverencia paródica. Na desvértebra todo semella estar a caer e nese abismo conflúen tempos e espazos. Os seus exhaustos organismos, sometidos ao escrutinio, ao control, á disección, á disciplina, aos mecanismos diarios da vixilancia, explotación e espolio, parecen subsistir nos ámbitos sitiados por unha autoridade que se arma nos discursos, con estratexias despregadas no emocional, no intelectual e no físico. E aínda na crueldade táctica disciplinaria e nos espazos cotiáns onde se manifesta tentacular ese dominio, Ana Romaní fai emerxer orografías imprevistas, outras formas da materia vibrante, acaso a vida.


 

Publicado o

‘nós outras’, de Marica Campo e Menchu Lamas, elixido o libro mellor editado do 2020

Un título de Chan da Pólvora, nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas, foi elixido o libro mellor editado do 2020 pola súa factura “case artesanal na que todas as pezas encaixan para conseguir un volume con identidade única. Que une con exquisitez a voz da poesía e as imaxes. Combinando literatura infantil con arte contemporánea”. O premio que se lle entregou a Chan da Pólvora recolleuno Marica Campo durante unha gala anual celebrada este sábado [día 15 de maio] no Teatro Principal de Santiago de Compostela, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Libreiros de Galicia. É a primeira vez que Chan da Pólvora consegue o galardón de edición. “En nome de todas as persoas que facemos posible Chan da Pólvora [dixo Marica Campo en representación da editora], querémosvos agradecer apoiar o noso proxecto. Non o consideramos só un recoñecemento á xente que intentamos facer de cada libro unha experiencia única, senón tamén unha posta en valor das persoas que están apostando pola supervivencia editorial do país, empezando polas subscritoras e subscritores de Chan da Pólvora e continuando polas autoras e autores que nos ofrecen a súa confianza, os lectores e as lectoras que recibides con estusiasmos os nosos títulos e, por suposto, as librarías. Tamén, a todas as editoriais coas que compartimos esta travesía. Grazas a Marica Campo, a Menchu Lamas e todos vós, por acompañarnos”. Nesa mesma gala, A desvértebra de Ana Romaní, tamén publicada por Chan da Pólvora, foi aclamado como o mellor libro de poesía do ano por ser “un libro e ofrece unha grande cantidade de lecturas e que, entre outras, pode lerse como unha reacción contra a sociedade do espectáculo. Mantendo a tensión entre a tradición e a modernidade poética”.

nós outra é un libro de cores e de valores. Un encontro onde as mans están abertas para ofrecer territorios comunais, ámbitos de intercambio, paisaxes que retratan a beleza e a complexidade de cada persoa. Estas páxinas tratan de afianzar nos nenos e nas nenas a idea de que non hai desculpas para a marxinación ou o acoso. A raza, a condición económica ou social, as características físicas ou mentais, os xeitos de amar ou a procedencia xeográfica son a forza que nos une, un patrimonio compartido. Ao cabo, nós outras propón unha viaxe excepcional e fermosísima pola diversidade do mundo e a igualdade do ser humano.

Non é moi frecuente, no ámbito da poesía, que se publiquen materiais destinados a nenas e nenos cunha orientación específica cara á diversidade. De feito, este libro de Marica Campo e Menchu Lamas está destinado a converterse nun referente editorial dentro das estratexias para combater fenómenos de convivencia entre os escolares que están a provocar grande precupación nas aulas. As ilustracións de Lamas, marcadas polo cromatismo vibrante e un amplo abano de propostas simbólicas arredor da man aberta como signo aglutinador, danlle ao libro unha luminosidade sorprendente, perfectamente vinculada ao brillo sonoro dos versos de Marica Campo, unha das máis admiradas escritoras de poesía infantil en Galicia. 


 

Publicado o

A poesía da Nobel americana Louise Glück chega ao galego da man de Chan da Pólvora

Louise Glück, a poeta recoñecida o pasado 2020 co Premio Nobel de Literatura, chega ao galego da man de Chan da Pólvora, que publicará tres títulos da autora nos próximos meses. O primeiro volume é Noite fiel e virtuosa, o máis recente da poeta, que as lectoras e os lectores poderán ler a partir de xuño. Samuel Solleiro foi o encargado de realizar a tradución da obra, á que seguirá no próximo outubro Winter recipes from the colective, un inédito que aparecerá simultaneamente en galego e en inglés.

Continúe lendo A poesía da Nobel americana Louise Glück chega ao galego da man de Chan da Pólvora