Publicado o

‘Feros corvos’, a recuperación do Batallón Literario da Costa da Morte a través de Teresa Seara

[Na imaxe, retrato dos participantes do I Encontro de Escritores da Costa da Morte, no que poden verse a algunas das súas figuras más relevantes, desde Estevo Creus (segundo á esquerda) a Modesto Fraga (no centro da foto coa cabeza apoiada na man), Xandra Tedín (terceira á esquerda) ou Rafa Vilar (no centro da foto). Paco Souto é o que está practicando o andar exipcio. Na fotografía, tamén aparece Eduardo Estevez (tercero á dereita, na ringlera de abaixo) que participou nos seus encontros e colaborou nas súas actividades,]

 

O 1 de maio de 1996, fúndase en Cee o Batallón Literario da Costa Morte, colectivo que en pouco máis de dous anos de actividade se converteu en símbolo da acción poética en Galicia. Agora, cando se cumpre o 25 aniversario da súa fundación, Chan da Pólvora Editora publica Feros corvos [Escrita visible do Batallón Literario da Costa Morte], un traballo da crítica literaria Teresa Seara que entón acompañou o colectivo e que agora reconstrúe aquela travesía nun libro onde escolma os poemas do Batallón e fai memoria, ao mesmo tempo, dun período marcado polo entusiasmo político e poético. Como complemento á publicación do libro, Chan da Pólvora Editora vai reproducir neste endrezo electrónico unha selección das fotos do colectivo, ás que se poderá acceder a través da web e tamén do QR que aparecerá no libro.

Continúe lendo ‘Feros corvos’, a recuperación do Batallón Literario da Costa da Morte a través de Teresa Seara

Publicado o

‘Receitas de inverno desde a comunidade’ de Louise Gluck, unha xoia editorial para o galego

Receitas de inverno desde a comunidade, de Louise Gluck, é o primeiro título que publica autora despois de recibir o Nobel de Literatura en 2020. Chan da Pólvora publica o volume en galego simultaneamente á sua saída en inglés, e con este motivo pon tamén en circulación unha tiraxe especial de Noite fiel e virtuosa, o anterior volume de Glück.

Receitas de inverno desde a comunidade [en inglés Winter recipes from the collective] é o título do primeiro libro da poeta norteamericana Louise Glück despois de recibir o Premio Nobel Literatura de 2020, que será lanzado mundialmente o próximo 20 de outubro, acontecemento ao que se une a lingua galega a través de Chan da Pólvora, depositaria dos dereitos para o noso idioma da poeta norteamericana. Desde este 20 de outubro, xa se poden facer os pedidos do volume a través da web de Chan da Pólvora [www.chandapolvora.gal] e será a partir do xoves cando chegue ás librarías. 

A editora fixo unha forte aposta pola poeta e en dúas temporadas publicará tres dos seus libros, entre os que figura o emblemático Averno. Pero antes de que apareza Averno, o selo achegoulle ás lectoras e aos lectores a pasada primavera Noite fiel e virtuosa. Agora é a quenda de Receitas de inverno desde a comunidade, inédito de Glück que aparece simultaneamente en galego e inglés. Para celebrar este lanzamento, Chan da Pólvora achega unha edición especial de Noite fiel e virtuosa, con portada diferente á publicación inicial e especialmente dedicada á poeta, que persoalmente a elixiu. Samuel Solleiro é o encargado de traducir estes títulos.

Continúe lendo ‘Receitas de inverno desde a comunidade’ de Louise Gluck, unha xoia editorial para o galego

Publicado o

Cinco anos, unha eternidade, Fran

Un día como hoxe, 5 de outubro, pero de 2016, morría en Bora o poeta Francisco Cortegoso, autor de Suicidas, un dos primeiros libros que publicou Chan da Pólvora Editora. De feito, Cortegoso estivo ligado de maneira moi estreita ao proxecto e participou, entre outros, na inauguración da libraría que existíu no número 74 da rúa de San Pedro, en Compostela, denominada tamén Chan da Pólvora.

Francisco Cortegoso, nacido en Pontevedra en 1985, deuse a coñecer como poeta en 2008 no suplemento Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe co conxunto de textos Ningún home. Pero cando comezou a gañar relevancia foi a partir de 2013 coa publicación de Memorial e danza, libro co que gañou o Premio de poesía Pérez Parallé. A aparición de Suicidas, só un día antes do seu falecemento tras loitar dous anos contra un cancro, confirmou a singularidade dunha voz poética que o tempo non fixo máis que engrandecer.

Chan da Pólvora réndelle homenaxe para lembrar o seu quinto aniversario coa publicación do texto Je vous salue, Francisco Cortegoso, de Pablo Fidalgo. O volume aparecerá o próximo mes de novembro. “É difícil ler a Cortegoso sen amalo”, escribiu Antón Lopo, o seu editor. “Miralo sen quedar hipnotizado pola forza do seu sorriso e da súa mirada, envolta nunha provoación lúdica, de atrevemento inocente”.

Os textos de Suicidas, engadía Lopo, “son a resposta dun autor insurxente ante un dilema clave na literatura: a consciencia de como a palabra nos forza a ser violentos. Para el, a literatura debe transmutar esa violencia. A través de sintaxes inflamadas e atmosferas de vesania densa, indaga na vea máis profunda da creación para enfrontarse aos totalitarismos: o nihilista e o do ser. Cortegoso sostiña que o verdadeiro problema da poesía é superar a linguaxe posesiva e desvelar unha linguaxe que poida acoller ao outro. Porque a linguaxe tende á totalización do outro, non ao seu desenvolvemento. Iso é o que os seus versos, precisamente, combatían”.


 

Publicado o

Chan da Pólvora Editora comparte o seu quinto aniversario coa poesía de Louise Glück

En xuño de 2016, botaba a andar Chan da Pólvora Editora e para celebrar o seu quinto aniversario publica Noite fiel e virtuosa, o último libro de Louise Glück, poeta recoñecida co último Premio Nobel de Literatura. Foron cinco anos intensos dun selo que naceu dentro dun proxecto interdisciplinar e que na súa traxectoria logrou converterse nunha das referencias poéticas en Galicia. Recoñecementos recentes como o Follas Novas á mellor edición por nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas, ou ao mellor poemario por A Desvértebra de Ana Romaní [tamén premio da Crítica Española] confirmaron unha liña que nestes primeiros meses do ano fixo dúas entregas de gran repercusión: De certo, a vida ía en serio de Xela Arias e Cardernos persoais de Lois Pereiro.

Chan da Pólvora fixo unha forte aposta por Glück e en dúas temporadas publicará tres dos seus libros. Tras Noite fiel e virtuosa, aparecerá en outubro  Winter recipes from the colective, un inédito da autora que chegará simultaneamente en galego e inglés. Xa para inicios de 2021, será a quenda de Averno, sen dúbida un dos seus libros máis definitorios.

‘Noite fiel e virtuosa’

Louise Glück estaba exhausta dos moldes aos que sometera a súa poesía e de súpeto deu con Noite fiel e virtuosa, un libro toldo e, ao tempo, luminescente, con poemas que somerxen por vez primeira a autora na prosa ata separala dela mesma e outorgarlle unha memoria masculina. O libro salvouna do seu pasado e a cambio conduciuna a un futuro onde xa é posible sentir o alento da morte. A paisaxe que se divisa desde o bordo dese absimo non é porén tráxica porque todo neste libro, desde a homofonía do título en inglés entre noite [night] e cabaleiro [knight], invita aos equívocos e ao xogo, ás lecturas dobres ou á dimensión elástica da linguaxe onírica. O tempo comprímese, os personaxes mestúranse, as identidades de xénero conflúen, os defuntos falan, a infancia regresa para cobrar os seus réditos e a realidade semella, por momentos, máis unha ensoñación que algo equiparable á verdade. Sobre ese material, Louise Glück constrúe atmosferas misteriosas e máxicas, unha especie de conto de fadas para que os adultos sigan xogando.

Os libros da Nobel de 2020 aparecerán na colección O Río, dedicada especificamente ás traducións. Nesa mesma colección, publicáronse títulos como Físico de Andrew McMillan [vertido ao galego por Isaac Xubín] e Ferrovías de John Berger e Anne Michaels [con tradución de Martín Veiga].

Continúe lendo Chan da Pólvora Editora comparte o seu quinto aniversario coa poesía de Louise Glück

Publicado o

A poesía de Sor Juana Inés de la Cruz en edición numerada para celebrar o 28 de xuño

Este 28 de xuño, cando entres nas librarías, atoparás unha plaquette soprendente: Tan puro, cinco poemas de Sor Juana Inés de la Cruz que Jesús Castro Yáñez puxo en galego nunha tradución engaiolante, onde a rima híbrida da autora, mestura de elementos barrocos e conceptuais, aparece reflectiva nunha delicada sonoridade. A plaquette lanzouna en edición numerada de 150 exemplares Chan da Pólvora como contribución á xornada reivindicativa mundial en defensa dos dereitos LGTBI+ e aparece dentro da colección Rabo de Egua, especializada en poesía vinculada a este activismo. O volume non é só un excepcional exercicio de tradución senón tamén unha oportunidade de achegarse á unha das maiores figuras da lírica barroca e da poesía hispanoamericana en xeral.

Son xa sete os títulos incluídos Rabo de Egua, colección onde poderás atopar textos de Ramón Suárez Picallo ou poemas de Federico García Lorca, Serafín Ferro, Brane Mocetic, Pau Vadell e Antom Fortes. Estamos, sen dúbida, ante un dos fitos da historia editorial galega.

Continúe lendo A poesía de Sor Juana Inés de la Cruz en edición numerada para celebrar o 28 de xuño

Publicado o

‘A desvértebra’ de Ana Romaní faise tamén co Premio da Crítica Española de poesía

A desvértebra [Ana Romaní]

A desvértebra, o libro de Ana Romaní editado por Chan Pólvora, revalida o impacto que causou a súa lectura co Premio da Asociación de Críticos Literarios Españois ao mellor poemario do ano, fallado ante. O galardón únese ao premio Follas Novas que conceden anualmente escritores, editores e libreiros como o mellor da temporada. Nos seus cinco anos de vida, esta é a tercera ocasión en que un libro de Chan da Pólvora acada o Premio da Crítica, despois de Camuflaxe, de Lupe Gómez, e Tempo fósil, de Pilar Pallarés. A desvértebra significou o regreso de Ana Romaní á poesía tras case unha década de silencio e supón un xiro revelador na obra de Ana Romaní, que lle descubre ás lectoras e lectores novas vertentes e expresións dunha voz que xa é, en por si, unha das máis admiradas da poesía galega contemporánea. Estamos ante un libro que imbrica a trascendencia co humor, a postura de radicalidade ética coa máis fina ironía ata conseguir un dos títulos máis relevantes que se publicaron en Galicia nos últimos anos.