Silvia García regresa este sábado día 28 de maio a Cangas para presentar nenas medrando, o libro que Chan da Pólvora publicou na súa colección Areal de Melide, dedicada a proxectos poéticos de materiais híbridos. O acto, que contará coa presenza de Xaime Toxo —escritor e presidente do Ateneo de Pontevedra—.terá lugar a partir das doce do mediodía na emblemática libraría Wells de Cangas, a vila na que a autora naceu en 1973. nenas medrando xurde dunha colección de fotos de nenas de distintas épocas que a autora foi recollendo durante narios anos. O resultado é un volume escintilante e delicioso.
En 2009, Silvia García iniciou na Biblioteca do CGAC o proxecto Os silencios de Alicia. Unha década despois retoma algúns dos elementos deste proxecto e redimensiónaos cunha serie de poemas onde a súa voz se funde coa memoria allea para construír un libro arredor da conciencia do corpo, das sensacións, dos procesos de maduración e, mesmo, dos recordos que aparecen cando asistimos como nais ao crecemento dunha nena. Silvia García comezou a coleccionar fotografías anónimas adquiridas en mercadiños e a través de internet
Sobre esa base, intentou buscar un fío que lle permitise albiscar a pose e a maneira na que as mulleres e as nenas aparecen nas fotografías: como miraban a cámara e como traslucían se estaban cómodas ou non. Aí comezou a súa curiosidade polo silencio, polo que cada nena cala, a súa incomodidade pero tamén o seu acomodo a unha realidade que lle ven dada.
O crítico Armando Requeixo caracteriza o volume pola presenza do corpo “como territorio radical, a complexidade dos procesos de maduración e as lembranzas das primeiras andainas vitais conforman os vértices nos que asenta a poética indagadora desta obra de Silvia García, que nos desafía a un outro ollar, a descubrir o envés da realidade nas epifanías fotográficas destas nenas medrando”.