Publicado o

Dez poetas pechan este xoves 29 e venres 30 o programa da Horta das Chas

O programa 2022 da Horta das Chas, o espazo espefísico para a poesía creado por Chan da Pólvora Editora, chega ao seu remate este venres 30 de setembro cun recital do Grupo das Lupercais, colectivo lucense que se presenta oficialmente en Galicia con nove dos seus once integrantes, Genaro da Silva, Nieves Neira, Luís López Alonso, Luís Valle, María Grandío, Antom Fortes, Abraham Pérez, Xerardo Quintiá e Sara Plaza. Previamente, o xoves 29, Lorena Souto executará un exercicio de indagación sobre a construción e autopercepción do eu. Ambos recitais terán lugar no Almacén da Horta a partir das 19 horas.

Continúe lendo Dez poetas pechan este xoves 29 e venres 30 o programa da Horta das Chas

Publicado o

Autumn Equinox na Horta das Chas, o espazo ‘espefísico’ para a poesía de Chan da Pólvora

A Horta das Chas, o espazo espefísico para a poesía que impulsa Chan da Pólvora Editora, celebra desde o mércores 21 de setembro, e ata o sábado 24, o seu Autumn Equinox, unha serie de recitais que permitirán achegarse ás propostas de Cesáreo Sánchez Iglesias, Rafa Lobelle, Alicia Fernández+Eduard Velasco e Ana Romaní+Chus Silva. O programa forma parte do ciclo de recitais das Chas, que se iniciou o 24 de xullo con Clo Plas e que conclúe –tras escoitar en agosto os poemas de Emma Couceiro, Afonso Traficante e Miro Villar–, coa intervención a próxima semana de Lorena Souto (29 de setembro) e o Grupo das Lupercais (30 de setembro).

Neste equinoccio de outono coinciden na Horta das Chas unha serie de voces de marcada personalidade coas que despediremos en Compostela o verán. A semana pasada estaban previstos os recitais de Rafa Lobelle e Ana Romaní+Chus Silva, pero unha serie de circunstancias obrigou a adialos e este azar permite agora articular un programa de catro días onde coñecer as propostas de distintas xeracións, non só cronolóxicas senón tamén estéticas.  Como xa é habitual neste programa, cada participante recibirá de agasallo (ademais da vontade dos asistentes) a colleita que ese día haxa na horta: froita, hortalizas, legumes, herbas aromáticas ou flores.

Continúe lendo Autumn Equinox na Horta das Chas, o espazo ‘espefísico’ para a poesía de Chan da Pólvora

Publicado o

‘O gran poema’ de Tino de Féliz preséntase este sábado, 17 de setembro, en Navia de Suarna

O gran poema, o primeiro libro en galego de Constantino Bértolo (que o asina como Tino de Féliz) preséntase este sábado, 17 de setembro, en Navia de Suarna, a terra que protagoniza (e enchoupa) as páxinas desta obra asombrosa.  O acto terá lugar ás cinco da tarde na Casa Quiñones e contará coa participación do autor e mais de Toño Núñez, escritor que naceu en Navia con títulos como Navia, nai. 

A primeira impresión que xurde ao abrir O gran poema é que estamos ante un libro concibido como un monte ou como un río. Un libro que sae das tripas da terra para romper a pedra e abrir o aire. Ao abeiro de Tino de Féliz está Constantino Bértolo, o home que nas décadas mediadas entre o seu alcume infantil e este poemario se converteu nun dos críticos e editores con máis prestixio de Europa.

Tino de Féliz (nome comunal de Constantino Bértolo), naceu en Navia de Suarna en 1946. Aos nove anos marchou con a sua familia a Madrid onde estudou Filoloxía Hispánica. Durante anos exerceu como crítico literario en diversos medios de prensa. Foi director da editorial Debate entre 1991e 2003, e da editorial Caballo de Troya desde o 2000 ata a súa xubilación no 2014. La cena de los notables, sobre lectura y crítica (2008), Lenin, el revolucionario que no sabía demasiado (2012) e Llamando a las puertas de la revolución. T extos de Karl Marx (2017) son algunhas das súas últimas publicacións. Os seus primeiros poemas datan dos anos sesenta e algúns apareceron na lendaria Antología de la joven poesía española de 1966. Un deses poemas foi musicalizado por Agua Viva. Tamén é autor dunha plaquette de poesía en castelán, En Resumen (2008). 


 

Publicado o

Recital de Miro Villar no almacén da Horta das Chas

A Horta das Chas acolle este xoves, oito de setembro, o recital de Miro Villar, un dos máis recoñecidos axitadores da chamada xeración dos noventa. O recital, que comeza ás 19.30, terá lugar no almacén da horta, un espazo ata agora sen actividade que se incorpora ao proxecto alternativo de Chan da Pólvora. A Horta Chas (situada no soto do número 37 da Corredoira das Fraguas) acolle desde finais de xullo un programa de recitais no que xa se puideron escoitar as propostas de Clo Plas, Emma Couceiro ou Afonso Traficante, e que ao longo deste setembro ofrecerá tamén as de Rafa Lobelle (día 16), Cesáreo Sánchez (día 21), Alicia Fernández+Eduard Velasco (día 23), Ana Romaní+Chus Silva (día 24), Lorena Souto (día 29) e o Grupo das Lupercais, que pecha o 30 de setembro o programa.

Miro Villar (Cee 1965) destacou como investigador, crítico literario e tradutor, pero sobre todo é autor dunha extensa obra literaria que se iniciou en 1992 con Ausencias pretéritas e inclúe novelas de grande éxito dirixidas á mocidade como A pantasma da casa da Matanza (2013). No almacén da Horta das Chas ofrecerá un recital sobre a memoria que resignifica as perdas dos afectos e dos espazos do territorio. Será, en palabras do poeta, unha lectura espida na modulación da voz na que percorrerá unha parte da súa produción, con titulos como 42 décimas de febre (1994), Abecedario da desolación (1997; premio Tívoli-Europa 1998), Equinoccio de primavera (1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999), Gameleiros (2002, co fotógrafo Manuel Álvarez), As crebas (2011; premio Concello de Carral, 2010) e Breizh (2012).

O recital recupera, neste sentido, un concepto que Miro Villar vén utilizando na súa obra: as crebas como símbolo da procura teimuda de todo o que o mar volve, de todo aquilo que a vida volve. O poeta –subliñou o crítico Ramón Nicolás– transfórmase “en crebeiro, camiña e camiña ao pé do mar, da vida, para artellar unha sorte de crónica, ou de diario se se quer, no que reivindica con convicción o papel da muller na historia, entre outros aspectos, e espella ao mesmo tempo o sentimento de perda, do que se foi ou está a piques de marchar e que resiste na memoria”.


 

Publicado o

O libro de Dopazo Entenza sobre a lingua de Ons cóase entre os éxitos editoriais de agosto


O libro que inaugura a colección Illa de Ons de Chan da Pólvora, Até aquí podo contar de José Manuel Dopazo Entenza, colocouse entre os títulos galegos de maior éxito en agosto, segundo subliña Faro de Vigo na súa habitual lista de vendas, realizada sobre as achegas da Casa do Libro de Vigo e da Libraría Miranda de Bueu. Até aquí podo contar presentouse o pasado 21 de agosto en Ons nos actos do día grande das festas patronais da illa. A edición, que contou co apoio do Concello de Bueu, inclúe un importante apéndice documental de imaxes e de textos que nos permiten evocar –e falar– como illáns.

Continúe lendo O libro de Dopazo Entenza sobre a lingua de Ons cóase entre os éxitos editoriais de agosto