Publicado o

Iago González presenta, xunto con Olga Novo, “O lugariño” este venres día 11 no local da Asociación Cultural Agromadas

O lugariño, o marabilloso poemario de Iago González, preséntase o vindeiro venres día 11 no local da Asociación Cultural Agromadas de Seixalbo, nun acto que comenzará ás 17:00 horas e que contará coa participación de Olga Novo.

O lugariño é un libro sobre un lugar [O Arnuíde natal de Iago González] pero tamén sobre o rural galego, co esplendor da voz dun poeta que o canta cunha voz fresca, como auga que acaban de sacar dunha mina. Porén, o que máis brilla neste libro longo e denso, complexo na súa vontade totalizadora, é a xente, as persoas, que o poeta vai enumerando como un notario que levanta acta dunha extinción.

Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago, Iago González subliña que se sente herdeiro da cultura popular, enxertado “na tradición serodia, na píbeda rural, na canción dos falares, na redención dos dicires, na curación dos poemas e na relixión dos amores”, sucando na aventura dos mundos o xerme vivo da natureza prístina. recibindo a cor sen dor.


 

Publicado o

‘Radiante’ de Darriba preséntase o 18 de novembro en Pedreira con Daniel Salgado e Anxos Sumai

Radiante, o último poemario de Manuel Darriba, preséntase o vindeiro venres 18 de novembro na libraría Pedreira de Compostela, nun acto que comenzará ás 19.30 e que contará coa participación de Daniel Salgado e Anxos Sumai en representación de Chan da Pólvora, editora dun volume realmente intenso e fermoso.

Radiante é, sen dúbida, o poemario de Darriba que con máis forza explora na materia poética. Durante o proceso de composición da obra, que se prolongou varios anos, o autor sentiu que traballaba unha materia dura, pedra ou madeira, para extraer da masa informe fragmentos de discurso estructurado. En moitos casos, os poemas empezaron como gromos de escritura automática (ou case) que cobraron forma e sentido no proceso de creación. “Toda peza de arte acabada”, asegura o autor “é unha estación de destino cunha viaxe moi longa. A poesía pode ser complexa, pero nunca o é tanto como a vida”.


 

Publicado o

Mercedes Martínez Modroño presenta o seu “Edén” en Compostela, A Coruña e Monforte

Mercedes Martínez Modroño, unha das activistas culturais da Ribeira Sacra, presenta ao longo das próximas semanas o seu libro A falta dun Edén, a terra en Compostela, A Coruña e Monforte de Lemos. En Compostela, onde estará o día dez a partir das oito da tarde na libraría Couceiro, Martínez Modroño terá como compañeiros a Manolo Martínez, deseñador gráfico das edicións de Chan da Pólvora, e á poeta Branca Novoneyra. Na Coruña, nun acto previsto o 17 de novembro na libraría Berbiriana, será Antón Reixa o encargado de facer a introdución ao volume, mentres que en Monforte será dúo Versofonía quen a acompañe o vindeiro dous de decembro no Ateneo Casino da cidade.

O libro, que aparece dentro da Colección N, o proxecto partillado por Chan da Pólvora e Amastrangallar, é un berro contra a nostalxia, contra a impostura do paraíso. É un texto apegado a unha realidade de aldea que se resiste a negarse pero tamén a converterse nunha imaxe costumista ou, o que é peor, nunha ficción turística. Mercedes Martínez Modroño crea trazos dunha natureza que se mestura co sangue e que atravesa a subxectividade. Pero, por riba de todo, foxe da fosilización nos soños da idea dun pasado mellor. Rexeita a quimera edénica e ancárnase no presente.

O libro forma parte dun ambicioso proxecto que a autora desenvolve desde hai tempo. Nel, os textos prolónganse nunha dimensión musical que interpreta en directo co dúo Versofonía e que ten como principal espazo de acción a Ribeira Sacra.


 

Publicado o

‘Radiante’, un libro obxecto para irradiar o último poemario de Manuel Darriba

Manuel Darriba (Sarria, 1973)  non só é autor de exitosas novelas como O bosque é grande e profundo (2013) ou guionista dalgunhas das series máis populairs da TVG como Serramoura. Tamén escribe poesía e Radiante é o título da súa entrega máis recente. Publicada por Chan da Pólvora Editora nunha coidada edición, cun formato de libro obxecto tan deliciado como escintilante, Radiante chega precisamente esta semana ás librarías.

Chan da Pólvora fai unha aposta decidida este outono e presenta cinco títulos de forte pegada, entre eles Radiante, o último poemario de Manuel Darriba, un dos autores máis admirados da literatura galega actual. Canda el e da man de Chan da Pólvora chegan tamén estes días ás librarías Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero) de Marta Dacosta; a reedición de Os teus dedos na miña braga con regra, o máis provocador libro de Lupe Gómez; o debut de Iago González, O lugariño, e A falta dun Edén, a terra, o primeiro libro da activista e slamer Mercedes Martínez Modroño.

Continúe lendo ‘Radiante’, un libro obxecto para irradiar o último poemario de Manuel Darriba

Publicado o

Dobre cita este xoves 27: Marta Dacosta presenta ‘Así fala Penélope’ en Libraida e Angueira ‘Palmeiras, piueiros’ en Río Lagares

 

 

 

 

Chan da Pólvora desembarca este xoves 27 de outubro na contorna de Vigo con dúas presentacións, a première de Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero) de Marta Dacosta na libraría Libraida de GondomarPalmeiras, piueiros de Anxo Angueira no espazo para a cultura Río Lagares de Vigo. As dúas presentacións terán lugar ás 20 horas e no caso do acto de Angueira contará con dous invitados de excepción, a novelista e tradutora Moncha Fuentes, autora de títulos tan celebrados como O mar que nos leva ou O tradutor de sombras, e o poeta Farrusco Sesto Novás.

Continúe lendo Dobre cita este xoves 27: Marta Dacosta presenta ‘Así fala Penélope’ en Libraida e Angueira ‘Palmeiras, piueiros’ en Río Lagares

Publicado o

Iago González, o poeta que veu de Arnuíde

lugariño, o debut de Iago González, é o segundo volume que se publica esta temporada na Colección [N], alianza editorial de Chan da Pólvora con Amastrangallar onde tamén apareceu estes días  A falta dun Edén, a terra, de Mercedes Martínez Modroño. Iago González, que naceu en Arnuíde (Vilar de Barrio) en 1999, deuse a coñecer no panorama editorial co volume Dentes para a mazá, publicado por Chan da Pólvora, unha antoloxía referencial das novísimas xeracións da poesía galega.

Continúe lendo Iago González, o poeta que veu de Arnuíde