Publicado o

Chan da Pólvora publica o diario de viaxe de Anne Carson polo Camiño de Santiago ata Fisterra

Anne Carson (Toronto, 1950) está considerada a gran voz da poesía anglosaxona pero aínda permanecía inédita en Galicia. Agora, chega ás librarías, da man de Chan da Pólvora, A antropoloxía da auga, un libro de tránsito e viaxes que describe as súas travesías polo Camiño de Santiago e polo interior de Estados Unidos tras a morte do seu pai. Jesús Castro Yáñez, autor de Ultramarino ou da tradución de poemas de Sor Juana Inés de la Cruz Tan puro –ambos publicados en Chan da Pólvora– foi o encargado de realizar a tradución do volume, un traballo coidadoso e vibrante que lle ofrece á afección galega os meticulosos matices da escrita de Carson.

A Antropoloxía da auga é ao tempo poema, ensaio e diario de viaxe, un texto desbordante que adopta a forma do pensamento que poda contelo. Valéndose de palabras en constante movemento, Anne Carson intenta reter as probas dun mundo coñecido que sabe xa fóra do seu alcance. Así, peregrina a paisaxe galega e a americana, os recunchos da familia e do espírito, a incomodidade do desexo ou a ansia de penitencia. E na caixa negra dese transitar queda rexistrado un mapa das súas relacións co xénero masculino, que se revela con máis elipses que liñas ou palabras que preferirían ser simplemente o impulso nervioso que convocan. É posible a iluminación mística sen que o fulgor da busca te acabe cegando? Pode un mal nadador moverse con fluidez nas augas da linguaxe? Cal é a densidade do incomunicable? Este libro fai preguntas coma quen trasfega un mar enteiro na cunca das mans e só se pode asistir con abraio á sede insaciable que se manifesta na escrita de Carson, unha figura capital das letras contemporáneas.

Continúe lendo Chan da Pólvora publica o diario de viaxe de Anne Carson polo Camiño de Santiago ata Fisterra