Publicado o

Branca Novoneyra rompe o seu silencio poético coa forza conceptual de ‘As cunchas baleiras’

Dez anos da escrita de Branca Novoneyra aparecen reflectidos en As cunchas baleiras, o libro que rompe o seu silencio poético e que nos coloca ante unha voz poderosa, capaz dos máis ousados exercicios conceptuais para desenvolver unha tensión da palabra fronte á enfermidade e a acción política. O libro preséntase o vindeiro mércores 31 de mayo na libraría de Numax, en Santiago de Compostela,  a partir das 20.30, nun acto no que tamén participa  Olalla Cociña. Un día despois, o xoves 1 de xuño, chega á libraría Trama de Lugo coa compaña de Nieves Neira, ademais do director editorial de Chan da Pólvora, Antón Lopo.

As cunchas baleiras recolle poemas que Branca Novoneyra escribiu ao longo da última década. Algunas veces o poema desaparece, non queda nada (ou case), agás o que ela, como autora, pode soster no tempo. En certo modo, este libro funcionaría como unha antoloxía onde aparecen os poemas que, ao seu xuízo, resistiron esa peneira. Branca Novoneyra está a favor do silencio poético para encontrar a palabra xusta. Non lle interesa producir libros, senón concentrar a palabra, tensala, probala no tempo e, se é verdadeira, logo gardala. Interésalle a linguaxe simbólica e mítica da poesía da imaxinación, a utilidade da beleza da que fala Kathleen Raine, a mente salvaxe de Gary Snyder e o pensamento raposo de Ted Hughes.

Gardar a obra de Uxío e traballar con ela diariamente convoca –segundo as súas palabras– unha forma radical de entendemento da poesía, do idioma e de Galicia. Gardar a palabra, a súa e a doutros poetas que forman parte do seu ámbito de coidado como Carlos Oroza e María Mariño, ten unha influencia distinta nos últimos dez anos de vida escrita. Facer fronte e volver a camiñar despois dunha longa enfermidade e a acción política son centrais neste libro. A cidade das cunchas baleiras, por suposto, é Compostela.

Branca Novoneyra naceu en Lugo (1976) e pasou a infancia no Courel, pero practicamente toda a súa vida está en Compostela, cidade na que vive desde os sete anos. Licenciouse en Ciencias Políticas pola USC e dedicouse durante unha década (2002-2013) á creación coreográfica e docencia da danza co Laboratorio de Movementos. Xunto a Olalla Cociña, programou os Picaversos. Publicou dous libros de poemas Dentro do Labirinto (Espiral Maior, 2009) e Cristal Escuro (Follas Novas nos Libros da Frouma, 2012). Tamén foi concelleira de Acción Cultural no Concello de Santiago (2015-2019). O seu traballo é o de gardar o legado de Uxío Novoneyra, o seu pai, na Fundación que leva o nome do escritor en Parada do Courel. Dirixe o Festival dos Eidos, tamén no Courel.


 

Publicado o

A inesperada fascinación de ‘Neve’, o libro de memorias cruzadas coa que Brenda Mondelo gañou o Premio Baleirón

Como cada ano, Chan da Pólvora e o Concello de Dodro celebraron conxuntamente o Día das Letras Galegas e fixérono arredor de Neve, de Brenda Mondelo, o volume gañador do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón. A editora publica desde hai varios anos o libro recoñecido no certame, que chega ás librarías nun esforzo común co propio Concello de Dodro e coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Neve parte dun feito histórico para construír un singular exercicio literario sobre a memoria pero tamén sobre o compromiso.

O luns tres de abril de 1917 chegaba á Estación de Finlandia –na actual San Petesburgo– o “tren que cambiou o mundo”, como se denominaría logo. Nel regresaban do exilio Vladimir Ilich Uliánov, máis coñecido como Lenin, e Nadezhda Krúpskaya, a súa compañeira, impulsora do sistema pedagóxico soviético e dunha decisiva rede de bibliotecas. A partir da figura desta muller –con frecuencia esquecida á sombra de Lenin– Brenda Mondelo reconstrúe aquela viaxe. Faino alancando por riba da crónica histórica nun proxecto literario orixinal e inédito que se nutre de continuos saltos temporais e xeográficos. A autora non só lle rende homenaxe a Krúpskaya –unha personalidade política e humana pola que sinte grande admiración– senón tamén ás xentes do seu Ancares natal, ao seu avó –que cunpriu cen anos o día no que acabou o poemario– ou a todas as persoas que desde nena a fixeron ter conciencia de clase. Estamos ante libro de poderosas emocións que ten por tras do espello, nos ollos, un prado nevado.

Brenda Mondelo (O Seixo, Pedrafita do Cebreiro, 1994) deuse a coñecer en 2022 coa publicación de O espello de Celia, un libro que lle valeu o Premio Xoán Díaz e no que conversaba cunha das últimas habitantes da súa aldea natal, falecida no 2017. Graduada en Periodismo e Ciencias Políticas, gañou entre outros galardóns o (Re)inevntando Xela Arias, de 2021. En todos os anos que pasou fóra da súa aldea, asegura, tivo sempre a necesidade de escribir sobre as persoas que poboaron un mundo que nalgúns momentos creu perder pero que logra recuperar a través da poesía.