Publicado o

Chan da Pólvora celebra sete anos de vida este 28 de xuño con Projecto Mourente e Arthur Rimbaud

Un 28 de xuño de hai sete anos nacía Chan da Pólvora e neste 2023 a editora celebra ese mesmo día o seu aniversario. Faino cun encontro festivo a partir das 19 horas do próximo mércores na Horta das Chas, espazo alternativo para a poesía creado na Corredora das Fraguas, no barrio compostelán de San Pedro (no mesmo edificio da Asociación Cultural A Xuntanza). No encontro  presentarase unha antoloxia de Arthur Rimbaud, ao que se lle dedica o Día do Orgullo Galego (DOG) e que aparece na colección Rabo de Egua (a única do estado especializada en poesía lgtbi). Ao mesmo tempo poderemos escoitar a última proposta de Projecto Mourente, referente da música electrónica galega que o ano vindeiro publicará en Chan da Polvora as versións musicais de poetas como Ana Romaní, Lois Pereiro, Fran Cortegoso ou Lorena Souto. E este ano tampouco faltará unha cata de viño. Nesta ocasión será o de Tabián, elaborado nunha das adegas milenarias de Vilachá. A entrada é libre ata completar aforo, ainda que tamén se poden facer reservas.

Continúe lendo Chan da Pólvora celebra sete anos de vida este 28 de xuño con Projecto Mourente e Arthur Rimbaud

Publicado o

O Día Orgullo Galego (DOG) estará dedicado este 28 de xuño a Arthur Rimbaud

Arthur Rimbaud, o poeta que inventou a poesía moderna, publicou baixo a súa responsabilidade un único libro, Unha temporada no inferno, do que agora se cumpren 150 anos. A peripecia editorial do volume é tan inverosímil como a propia vida do poeta, un home que amou con vehemencia e decidiu renunciar ao seu amante e á poesía ao mesmo tempo. Chan da Pólvora dedícalle agora o seu Día do Orgullo Galego (DOG), unha celebración que une desde hai sete anos o aniversario do plebiscito do primeiro Estato de Autonomía de Galicia coas reivindicación da diversidade. O volume aparecena colección Rabo de Egua, a única do estado español especializada en poesía LGTBI+, onde poden atoparse libros de García Lorca, Blanco Amor. Suárez Picallo, Serafin Ferro, Safo, Brane Mocetic, Pau Vadell ou Sor Juana Inés de la Cruz.

Continúe lendo O Día Orgullo Galego (DOG) estará dedicado este 28 de xuño a Arthur Rimbaud

Publicado o

O Leo máis rebelde reaparece en ‘Libre de libro’

O Leo, unha das figuras xa lendarias da poesía galega, reaparece con descargas de rebeldía en ‘Libre de libro’, volume editado por Chan da Pólvora que chegará a finais deste mes de xullo ás barrias. Logo de publicar hai cu ( 2007), O Leo seguíu aínda uns anos anotando pequenos poemas de tres versos, pero deixou por completo de escribir textos máis longos ou letras de cancións. Con todo, hai dous momentos nos que –como el confesa– entra en crise: durante o nadal e no seu aniversario. Nesta última data, con puntualidade anual, ten unha noite de insomnio na que non sabe que facer co tempo, e esa noite tamén se acaba convertendo na única vez no ano en que escribe un poema para matalo.

Co tempo, foinos xuntando e escribindo algún outro nunha liña semellante. O resultado é Libre de libro, un volume que tivo varias encarnacións como froito de recoller e reordenar ou eliminar poemas. Da derradeira asolada, en xullo de 2021, cando fixo 47 anos, xorde esta versión, onde a memoria familiar é a gran protagonista, en especial a súa nai, da que aprendeu o espírito da revolta.

O Leo é o nome co que coñecemos a Leonardo Enrique Fernández Campos (Matamá, Bouzas, 1974). Chegou a Compostela na década dos 90 e debuta como actor con Matarile Teatro en 31 e Zeppellin núm. 7. Déixao para escribir e gravar Suspiros de kaña (1998), co que abre os concertos da xira galega de Veintegenarios de Albert Pla. Regresa con Factoría Teatro n’As presidentas e con Berrobambán en Vendetta. Licénciase en Filoloxía Hispánica e a seguir en Filoloxía Galega. Volve aos escenarios para tocar polo medio de concertos de KGBen e Puta Miseria. Co boom dos blogs e da Internet en xeral, saca a diante haicu.blogspot.com, que se converteu logo en hai cu (Xerais, 2007).
En 2010 participa na primeira webserie en galego, Non saímos do lixo. Forma parte de Labreg*s do Tempo dos Sputniks (Libremente, 2016) e Das Kapital (Ruído negro, 2011; Grecia, 2013; e Das Kapital, 2015). Con arremecaghona’s produçións, saca outros tres álbums (como o leo i arremecághona: a neurona na patineta, 2012; e ostia, 2015. Como o’leo de matamá: sé [mente de vencer], 2019). Dende hai case dúas décadas traballa como profesor de Lingua Galega e Literatura. Este ano, ademais de publicar novo libro, marcha para a montaña.