Publicado o

Antón Reixa sube a poesía a ombros da performance no seu libro ‘2ª man’

Antón Reixa leva case cincuenta anos explorando polas físguas que achegan a poesía á performance e 2ª man, o libro que agora publica Chan da Pólvora na colección Areal de Melide, representa talvez a mostra máis nítida da súa xa longa peripecia de aproximación. Trátase do segundo título do autor no catálogo da editora, despois de que no ano 2020 aparecese Outlet, un dos libros clave na traxectoria recente dunha figura que, como poucas, definen a poesía galega desde os anos oitenta.

2º man xorde da mirada asombrada de Antón Reixa sobre a paisaxe urbana e informativa. Nese sentido, segundo o propio poeta, foi inicático o poema Non odias os luns, odias o capitalismo, que serviu de manifesto para a edición 2022 do festival Alguén que respira!, e ao mesmo tempo a visión dun home vestido de azul que durante meses, e á mesma hora, pasaba todos os días diante da súa casa con paso apurado e uns auriculares. A mais do enigma que suscitaba esta recorrencia, a acción transmitiulle a disciplina de escribir algo sobre el durante varios días seguidos. O libro inclúe imaxes da performance Acción Anakoluto que presentou, durante o proceso do libro, na Fundación Pazos Cuchillo de Oza-Cesuras.

Continúe lendo Antón Reixa sube a poesía a ombros da performance no seu libro ‘2ª man’

Publicado o

Oriana Méndez e o fondo desexo da verdade no seu último libro, ‘chairas sucesións’

Oriana Méndez, unha das autoras xa clave na nova poesía galega, refunda a súa singular proposta de linguaxe e de forma con chairas sucesións, o libro que acaba de publicar Chan da Pólvora e que estes días chega ás librarías. En palabras de María do Cebreiro, autora do posfacio do volume, estamos ante “un libro sobre o amor e sobre as escuridades do amor, que son a condición de posibilidade dos seus propios recomezos”. 

chaira sucesión é a máis ambiciosa das entregas poéticas de Oriana Méndez, unha poeta que nos últimos anos transita os lindes máis afiados da poesía. Desde a publicación de Interna, o libro previo a chaira sucesión, a poeta optou por desviar o punto de vista dende o plural cara ao individual, do nós ao eu, do fenómeno externo ao que acontece por dentro. Tamén hai un tránsito dende a escrita do maiúsculo –o histórico, o colectivo, o común– cara ao minúsculo: aquilo que só dous comparten. Estamos ante unha historia de dous que se amplifica no pensamento poético de quen escribe e o libro é o acontecemento que supón descubrirse, de súpeto, en relación ao outro e ao propio acto poético. O acontecemento exteriorízase dalgunha maneira na escrita do mesmo xeito que sucede cando un sentimento, favorable ou doloroso, se transforma en cerimonia. A chaira, é dicir, o encontro, adquire unha forma propia e exenta, acrisolada tamén, que é a deste libro obsesionado co plano poético das cousas.

Continúe lendo Oriana Méndez e o fondo desexo da verdade no seu último libro, ‘chairas sucesións’

Publicado o

O adeus a Louise Glück, a voz da muller que iluminou unha nova dimensión na poesía

Louise Glück, a poeta que se converteu, con tres títulos no catálogo de Chan da Pólvora, nuha das referencia da editorial, faleceu  o pasado venres día trece aos oitenta anos. Esta mesma semana, Chan da Pólvora comezou a distribución do terceiro título que publica da autora, titulado precisamente Averno, un intenso conxunto de poemas traducido por Samuel Solleiro que se adentra nas vertentes da alma e da morte. En Chan da Pólvora, sentimos de maneira especial a súa desaparición, non só polo compromiso que fixeramos coa súa obra senón tamén pola admiración que lle rendiamos a unha poesía que, dalgunha maneira, cambiou a nosa forma de entender a creación literaria nas últimas décadas. En Chan da Pólvora tamén se poden atopar os seus derradeiros poemarios, Noite fiel e virtuosa ou Receitas de inverno desde a comunidade.

A alma e o corpo son os dous elementos que transitan en unión e en diáspora por Averno, un dos libros máis aclamados de Louise Glück. Trátase do terceiro volume desta Premio Nobel de Literatura de 2020 que publica Chan da Pólvora, dentro dun proxecto para ofrecerlle aos afeccionados galegos unha panorámica da súa obra. Glück é unha poeta sempre inquietante e Averno define perfectamente o seu estilo, centrado sempre en responder as grandes cuestións da alma. A súa escrita reconfórtanos con poemas que botan man de revelacións planificadas para lembrarnos o que de verdade paga a pena en nós. Tamén o que nos permite, desde o seu punto de vista, entender os riscos humanos que nos habitan. A escritura convértese, así, no seu camiño e na súa busca. De aí ese equilibrio perfecto entre o lírico e o intelectual que podemos descubrir en Averno. Na poesía de Glück non serven as excusas, pero tampouco falta nunca a compaixón.

Continúe lendo O adeus a Louise Glück, a voz da muller que iluminou unha nova dimensión na poesía