Poucas figuras da literatura galega contemporánea gozan dunha admiración semellante á de Luísa Villalta, poeta de sensibilidade apaixoada que nos deixou unha traxectoria marcada pola busca da verdade. Eva Veiga e Pilar Pallarés, que a trataron en vida e son entusiastas da súa obra, esculcaron nos libros publicados pola autora e ofrécennos a lectura novidosa, profunda e reveladora dunha muller que viviu con compromiso a plenitude do seu corpo e da enerxía intelectual [Na imaxe, Villalta retratada por Xoán Piñón nun concerto do grupo Escaino].
Así vu eu, formando parte non é só unha antoloxía que percorre a obra de Luísa Villalta para amosar as súas vertentes máis intensas, senón tamén un cofre que contén inesperados tesouros e que Eva Veiga nos ofrece xunto a Pilar Pallares con toda a súa xenerosidade. Durante meses –antes incluso de acordar a RAG dedicarlle a Villalta o Día das Letras Galegas– Pallarés e Veiga adentráronse no seu complexo mundo simbólico para amosalo no seu manto esplendente, por momentos sobrecolledor pero sempre fiel aos principios éticos que defendía.
O libro, que chega estes días ás librarías, inclúe senllos textos das antólogas onde analizan, de maneira singularizada, os poemarios de Villalta ou despexan nun marco teórico a súa pulsión creadora. Da propia autora aparecen tamén pezas documentais que axudan a comprender as raíces da súa obra.
Luísa Villalta foi un alustro que cruzou o tránsito de dous séculos e nos deixou unha poesía atravesada pola busca da verdade na palabra. Entrou na arte a través da música pero “un día” decidiu anoar as cordas do seu violín –era unha experta instrumentista– e fuxiu dos palacios como as princesas para adentrase no bosque, acirrada pola “necesidade de coñecer”. Así vou eu, formando parte, título que fai referencia a unha das frases da autora, é unha secuencia de lectura nova sobre a poesía rebelde de Luísa Villalta e, ao mesmo tempo, unha mirada documental sobre os seus procesos de liberade creadora. Estamos ante unha poesía que lle esixe a cada poema algo máis alá do pensado.
Luísa Villalta
Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) iniciouse como violinista na Orquetra de Santiago de Compostela, pero non tardou en interesarse polas posibilidades sonoras da literatura e da filosofía. O seu primeiro poemario, Música reservada (1991), inciouna na poesía. Logo virían unha serie de obras que alternan a experimentación teatral coas esculcas narrativas e unha poderosa capacidade para a escita ensaística. Ruído (1995), En concreto (2004) ou o póstumo Papagaio (2006) son algúns dos títulos dos poemarios que publicou.
Eva Veiga e Pilar Pallarés
Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, 1961) iniciouse na poesía con Fuxidíos (1993), libro ao que seguiron Desconcerto (2006), A distancia do tambor (2014), Soño e vértice (2016), Silencio percutido (2016) ou Quérote canto, xunto a Baldo Ramos (2020). Forma parte do Grupo Ouriol, co que realiza desde o ano 2002 diferentes espectáculos multidiscipinares. Actriz e guionista, protagonizou o filme A cicatriz branca, de Margarita Ledo.
Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) converteuse desde os seus dous primeiros libros, Entre o lusco e fusco (1979) e Sétima soidade (1983), nunha figura referencial da poesía galega, posición que revalidaron propostas como Livro das devoracións (1996) ou Leopardo son (2011). Máis recentes son Tempo fósil (2018), a antoloxía de Ricardo Carvalho Calero Beleza, verdade ou o libro de poesía para crianzas Unha boa gatucada!.