Publicado o

Noudelo e Ribón reedita ‘Os eidos’ cando se cumpren 25 anos da morte de Novoneyra

O 30 de outubro cúmprense 25 anos da morte de Uxío Novoneyra e o selo Noudelo e Ribón lembra a efeméride coa publicación dunha nova edición de Os eidos, libro que resume a traxectoria literaria do autor. O volume, cun texto introdutorio de Nieves Neira –unha das máis esixentes especialistas no poeta–, está coeditado coa Fundación Novoneyra e conta co apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo. Noudelo e Ribón é un selo de autor xurdido das iniciativas paralelas de Chan da Pólvora.

Os eidos, subtitulado Libro do Courel,  é un dos libros fundamentais da poesía galega do século XX, unha obra na que Uxío Novoneyra refundiu a tradición do país e creou unha cosmogonía propia, envolvente e fascinante. Non só se trata dunha cuestión literaria –de innegable valor artístico– senón que estamos ante un libro que reconstrúe a propia vida do autor e que, de feito, cruza a traxectoria de Novoneyra como unha prolongación conceptual das súas experiencias máis íntimas.

Noudelo e Ribón é unha editorial xurdida das iniciativas de Chan da Pólvora pero desenvolvida de maneira independente como proxecto de autor. O selo dá cabida a todos os xéneros literarios, tanto narrativa, como poesía ou ensaio. O seu primeiro título foi Diarios / 1 [Azul Monforte], de Antón Lopo. Nos próximos meses, aparecerán as reedicións especiais de Fisteus era un mundo de Lupe Gómez ou Roxe de sebes de Ignacio Castro. Tamén a publicación de Autobiografía do Vermello, de Anne Carson, con tradución de Jesús Castro Yañez.