(Na imaxe, María Salvado na Illa de Ons)
María Salvado, unha das fundadoras de Chan da Pólvora, faleceu este luns pola mañá en Compostela, onde residiu boa parte da súa vida e foi unha das súas máis enérxicas cidadás. “O amor”, escribiu un día, “é o único que pode salvarnos” e ela amou máis do que poden determinar as leis. Nacida en Budiño (O Pino) en 1950, María Salvado López é unha das figuras fundamentais da renovación pedagóxica galega desde finais dos anos sesenta, cando comeza a exercer como mestra no Freixo, no Concello de Outes. Acababa de cumprir 18 anos e non tardou en converterse nun dos símbolos do cambio democrático que se aveciñaba. A súa aposta pola autonomía do alumnado como fonte de coñecemento e o compromiso coas persoas menos favorecidas déronlle luz propia na descomposición orgánica do franquismo. A este compromiso social e pedagóxico uníase o seu carácter reivindicativo. De feito, foi a primeira mestra en retirar o retrato de Franco e o crucifixo dunha aula pública, o cal orixinou un conflito de grande aparataxe periodística na época.
A súa xuventude permitiulle tecer un nó entre o mestrado progresista que sobrevivira ao sistema educativo da ditadura e as xeracións novas que aspiraban a susperar as limitacións do réxime de 1936.
Formou parte da primeira promoción de licenciados da Facultade de Pedagoxía, etapa na que entra en contacto con Herminio Barreiro, filósofo e pedagogo que a guiou nos primeiros pasos teóricos. Seguidora das prácticas de Célestin Freinet, María Salvado propuxo unha escola ao servizo das clases con menos recursos económicos, participativa, coa razón como eixo fronte á sumisión e a obediencia.
influíuna tamén Piaget ou María Montessori, pero sobre todo Rosa Sensat, que propiciou unha educación de conexión co feminismo e coa ecoloxía, principios que ela puxo por diante sempre, á par da demanda social.
En 1983, xunto a un grupo de pedagogos, promoveu Nova Escola Galega, movemento de base aínda en funcionamento que ten entre os seus obxectivo primordiais o de construír un sistema educativo galego, público e democrático.
A política como transformación
A actitude, firme e nada compracente púxoa na senda da acción política. Participou na creación da Unión de Traballadores do Ensino Galego (UTEG), o primeiro sindicato do ensino que houbo no país, e impulsou, posteriormente unha alternativa a esta formación co Sindicato Galego de Traballadores do Ensino (SGTE), articulado desde o nacionalismo plural.
Licenciada tamén en psicoloxía, María Salvado formou parte dos equipos psicopedagóxicos de apoio, que cambiaron de maneira xa irreversible a atención á diversidade nos centros de ensino. Xunto a Teresa Núñez, formou unha rede de grande eficacia ao servizo da educación pública –que consideraba a base de calquera igualdade– e das persoas con maiores necesidades pedagóxicas.
Esta vertente foi inseparable do activismo político e cultural. Fundou o Partido Obreiro Galego (POG) e participou en Unidade Galega, coalición que uniu electoralmente ao POG co PSG e o PG. Logo, implicouse na posta en marcha de Esquerda Galega (EG) e nos movementos feministas. Non abandonou o pulso político ata o último alento da vida.
No cultural, desempeñou un labor esencial como mentora de diferentes xeracións de poetas, desde Manuel Rivas a Antón Lopo. O seu papel resultou clave, así mesmo, como ponte entre Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda con Galicia durante os anos que viviron en Cuba.
Fundación de Chan da Pólvora e Horta das Chas
En 2015 participou no nacemento de Chan da Pólvora na Illa de Ons. Foi o aval da libraría, vinculada ao proxecto comunal, e asinou como subscritora fundadora da editorial. Impulsou de maneira definitiva a creación da Horta das Chas, que desde a súa inauguración en xuño de 2020, supuxo para apertura en Compostela dun ámbito privado de grande interese e singularidade. Trátase un predio de seiscentos metros cadrados da súa propiedade que forma parte dunha área de autocultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A horta é a sede de Chan da Pólvora Editora e a súa aposta espefísica de eco-poesía para a cidade.
O conforto e a mirada
A última aparición pública de María Salvado foi, precisamente, nun acto de Chan da Pólvora Editora: a presentación en Númax da antoloxía Prefiro condenarme de Margarita Ledo o pasado dez de setembro. O acto convertiuse, de maneira espontánea, nunha emotiva homenaxe onde ela recibiu unha longa ovación polo seu contributo á editora.
Da memoria que nos deixa permanecerá o seu entusiasmo, a súa xenerosidade, o amor, a enerxía e a compaña que nos deu, imborrable. As nosas vidas non serían as mesmas sen a súa mirada. A poesía galega non sería a mesma sen a súa acción.