Publicado o

Gonzalo Hermo culmina a súa proposta poética co escintilante ‘Un xesto de tenrura’

(Foto ANDRÉS CURRAIS)

“Tempo, / sé xeneroso comigo. / Dáme de novo / a vertixe do lenzo por pintar, / o abismo do verso. / / Dáme a luz das cousas que brillan neste instante. / Concédeme outra vez o seu principio”, escribe Gonzalo Hermo no seu escintilante Un xesto de tenrura, Premio González Garcés e xa elixido o mellor poemario do ano en Galicia. O próximo sábado 27, a partir das doce e media do mediodía na libraría Numax, o autor asinará exemplares do libro nun acto de celebración poética que continuará ao longo da xornada. 

Continúe lendo Gonzalo Hermo culmina a súa proposta poética co escintilante ‘Un xesto de tenrura’

Publicado o

Lorena Souto ponlle palabras ao código da identidade rural en ‘Exuvia e saliva’

“Préstome / a rabuñar nesa pel ávida / deixala marcada de saberes estraños”, escribe Lorena Souto en Exuvia e saliva, o poderoso poemario que acaba de publicar en Chan da Pólvora e que o próximo martes 16 de decembro presentará na libraría Couceiro de Compostela, a partir das 19,30 horas, xunto a Alba Cid. A autora penetra co seu  corpo enteiro na terra para ofrecernos o revelador percorrido dunha escrita enxertada á materialidade da linguaxe. Poesía en estado de acción, capaz de poñerlle palabras aos códigos da identidade rural.

Continúe lendo Lorena Souto ponlle palabras ao código da identidade rural en ‘Exuvia e saliva’

Publicado o

Noudelo e Ribón celebra os 25 anos de ‘Roxe de sebes’, de Ignacio Castro

O selo Noudelo e Ribón pon estes días nas librarías a reedición de Roxe de sebes, coa que conmemora o 25 aniversario da súa publicación. Convertida xa na obra máis admirada de Ignacio Castro e nun dos máis celebrados ensaios da literatura galega recente, Roxe de sebes recolle as experiencias e reflexións do filósofo durante o seus mil días de retiro no Courel, agora ampliadas coas achegas de diferentes autores para a que é, sen dúbida, a versión máis completa ata o momento dun texto fundamental. O libro preséntase o vindeiro martes 9 de decembro na libraría Follas Novas de Coimpostela a partir das sete da tarde coa presenza da psiquiatra Julia Fraga.

Continúe lendo Noudelo e Ribón celebra os 25 anos de ‘Roxe de sebes’, de Ignacio Castro

Publicado o

‘Love me tender’ brilla no Culturgal por partida dobre con Ana Romaní e Chus Silva

Love me tender [24 pezas mínimas para unha caixa de música e cilindro], o novo poemario de Ana Romaní, desembarca esta fin de semana no Culturgal de Pontevedra por partida dobre e co explorador sonoro Chus Silva como coprotagonista. Os dous presentan o volume, editado por Chan da Pólvora na colección Cova da lontra, o domingo 30 [a partir das 18 horas] e en paralelo, dentro do marco deste proxecto, desenvólvese a instalación Love me tender. Pezas, creada polo músico a partir do poemario. Nas marxes do espazo expositivo da feira, oculto á visión, un corredor sonoro a xeito de cilindro explora as resonancias da canción. A melodía actívase na presenza física dos corpos, do seu camiñar ás escuras. Poemas e versos como graffitis pulsan nas paredes outras aperturas dos textos. 

O cilindo é, de feito, unha das imaxes simbólicas máis poderosas do libro de Romaní e un elemento que redimensiona os textos do libro, cunha primeira versión –máis reducida– publicada en 2005. No recital arredor do volume, a poeta esculca a marca do cilindro no poema a inercia da súa rotación. Explora –sobre a dimensión sonora de Silva– a voz dun corpo roto, as formas da fuga, a interferencia da súa danza insurrecta. Porque Que pasa se a canción devasta? 


 

Publicado o

Mónica Camaño e Lopo crean ‘Novoneyra a viva voz’ para a libraría Wells de Cangas

A libraría Wells de Cangas acolle este venres 28 de novembro, a partir das oito da tarde,  a proposta Novoneyra a viva voz, unha recreación de Mónica Camaño sobre a biografía A distancia do lobo, de Antón Lopo, reeditada por Noudelo e Ribón xunto á Fundación Uxío Novoneyra. O acto será unha “lectura con moito corpo e sen dramatismos” arredor do autor d’Os Eidos. Nela, Camaño e Lopo compartirán “a viva voz” algúns aspectos da vida poeta retratados no volume.

A represión da ditadura, o principio de liberación dos pobos, a bohemia, o refuxio das tertulias ou as dificultades de forxar un ámbito cultural propio nos comezos da autonomía en Galicia, son algunhas das estacións dun percorrido que fai escintilar a práctica totalidade da poliédrica persoalidade dun home que converteu a poesía nunha forma de comportamento.

A proposta poderá verse un día despois, o sábado 29 a partir das oito da tarde, no Culturgal, que se celebra durante a fin der semana en Pontevedra.


 

Publicado o

Elba Rey conversa en Numax con Antón Lopo arredor da vida de Uxío Novoneyra

Cando se cumpren 95 anos do nacemento de Uxío Novoneyra, a Fundación do poeta e a editorial Noudelo e Ribón recuperan A distancia do lobo, biografía que Antón Lopo publicou con Galaxia en 2010 coincidindo co Día das Letras Galegas dedicado ao autor de Os eidos. O volume, revisado respecto da edición orixinal, preséntase ao longo deste mes en distintas cidades de Galicia. Este xoves día 20, a libraría Numax de Compostela acollerá a presentación da biografía cunha conversa entre Elba Rey –muller de Novoneyra– e o propio Lopo, presentados por Branca Novoneyra,  representante da Fundación do poeta. Será a partir das oito da tarde.

Continúe lendo Elba Rey conversa en Numax con Antón Lopo arredor da vida de Uxío Novoneyra