Publicado o

Miguel Cavadas presenta o seu ‘himno nacional’ á Coruña e a Cangas

Miguel Cavadas presenta esta semana na Coruña e Cangas o seu libro himno nacional, último premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía, que edita Chan da Pólvora na súa colección [elba]. A libraría Moito Conto acollerá este xoves día 11, a partir das sete da tarde, a conversa do autor con Ana Varela. Logo, o sábado día 13, Cavadas conversará na libraría Wells de Cangas con Antón Lopo sobre este libro, unha nova e reveladora achega da poesía galega ao fenómeno da nova emigración.

himno nacional nace da experiencia de Miguel Cavadas no tecido social e laboral dos Estados Unidos. En tensión co “eu” que reclama a súa existencia desde Galicia, aparece un novo “eu” gorecido nunha liberdade enganosa nunha contorna voraz que o capitaliza todo. Trátase, como se observa desde os primeiros versos, dun texto sobre a nova emigración e que evidencia as fallas dun sistema forxado desde a precariedade dunha xeración enteira. Nun mundo globalizado (ou se cadra “americanizado”) que deslocaliza o traballo, Miguel Cavadas ve despuntar axiña o perigo de non estar nin aquí nin alá, no perigo da errancia permanente. “No caso de Galicia”, asegura, “vólvese case unha carga xenética” que el resolve nun diálogo coa emigración previa e tamén coa latinoamericana.

Como compoñer o himno dunha colectividade en tránsito? Como forxar vínculos sólidos nun mundo flutuante? Como confiar aínda no futuro? Estas son algunhas das preguntas que impulsaron a creación de himno nacional e que Cavadas responde cun estilo tan diáfano como implacable. Ao final, vén dicir o autor, o único que queda é o amor como xeito de construír fogar en lugares onde semella que non podería habelo.

Miguel Cavadas (Vigo, 1996) é escritor, guionista e creador escénico. Estudou Filoloxía na USC e despois marchou a Los Ángeles cunha Beca La Caixa para formarse en escrita cinematográfica. Os seus relatos e poemas resultaron gañadores en certames como o Mazarelos e o Díaz Jácome. Coa compañía de creación colectiva Faísca Teatro estreou dúas montaxes premiadas no Xuventude Crea. En Estados Unidos, foi finalista do prestixioso Paramount Writers Mentoring Program e formou parte do equipo da produtora mexicanoamericana Elefantec Global. De volta en Galicia, compaxina a creación literaria coa súa carreira como guionista.


 

Publicado o

Miriam Reyes, a autora de ‘Sardiña’, recibe o Premio Nacional español de Literatura

Miriam Reyes, a autora de Sardiña, un dos primeiros libros publicados por Chan da Pólvora, recibiu o Premio Nacional de Literatura en España, como recoñecemento ao seu recente poemario Con, que puido verse representado en Galicia na última edición do festival Alguén que respira!, en Compostela, co acompañamento dunha soprano e varios músicos. Sardiña é, de momento, o seu único libro en galego, unha entrega de excepcional valor simbólico que lle permitiu reencontrarse coa súa lingua nai após anos de distanciamento.

En agosto de 1983, cando ten oito anos, Miriam Reyes emigra cos seus pais desde o Ourense natal a Caracas, unha viaxe que rompe a conexión das súas raíces e a envolvencia do idioma no que se criara. Desde entón, intentou escribir en galego para referirse á experiencia da emigración sen que ningún proxecto callara. Porén, trinta e cinco anos despois daquela dolorosa ruptura, xurde Sardiña, onde Miriam Reyes, a través da figura do seu avó, reflexiona sobre unha lingua que non é sua e, ao tempo, si o é. Un traballo de grande forza literaria que documenta o seu achegamento á escrita en galego, as súas limitacións e as frustracións dese proceso. Trátase dun dos libros máis sorprendentes e lúcidos que se escribiu nas linguas da nosa contorna sobre a emigración, temática á que logo se uniron, precisamente en Chan da Pólvora, títulos como Todos os lonxes de Breogán Torres e himno nacional de Miguel Cavadas.

O libro só pode adquirirse a través da web de Chan da Pólvora, na lapela de Libraría.