
Love me tender [24 pezas mínimas para unha caixa de música e cilindro], o novo poemario de Ana Romaní, desembarca esta fin de semana no Culturgal de Pontevedra por partida dobre e co explorador sonoro Chus Silva como coprotagonista. Os dous presentan o volume, editado por Chan da Pólvora na colección Cova da lontra, o domingo 30 [a partir das 18 horas] e en paralelo, dentro do marco deste proxecto, desenvólvese a instalación Love me tender. Pezas, creada polo músico a partir do poemario. Nas marxes do espazo expositivo da feira, oculto á visión, un corredor sonoro a xeito de cilindro explora as resonancias da canción. A melodía actívase na presenza física dos corpos, do seu camiñar ás escuras. Poemas e versos como graffitis pulsan nas paredes outras aperturas dos textos.
O cilindo é, de feito, unha das imaxes simbólicas máis poderosas do libro de Romaní e un elemento que redimensiona os textos do libro, cunha primeira versión –máis reducida– publicada en 2005. No recital arredor do volume, a poeta esculca a marca do cilindro no poema a inercia da súa rotación. Explora –sobre a dimensión sonora de Silva– a voz dun corpo roto, as formas da fuga, a interferencia da súa danza insurrecta. Porque Que pasa se a canción devasta?








