Publicado o

Carlos Amado presenta ‘Monte aberto’ o mércores 27 de maio na Didac de Compostela

A Fundación Didac de Santiago de Compostela (Rúa Pérez Constanti 12) acollerá o vindeiro mércores de 27 de maio a presentación de Monte aberto, o libro co que Carlos Amado regresa á poesía tras máis de dúas décadas de afastamento. O acto, que terá lugar a partir das 19 horas, contará coa presenza de Anxos Sumai , encargada de indagar nas claves deste libro conmovedor e brillante.

“O amor debe entrar no monte / ata o lugar máis remoto da palabra”, escribe Carlos Amado nun dos poemas de Monte aberto, o novo título co que Chan da Pólvora redimensiona a colección Rabo de Egua. Os seus poemas teñen unha epiderme delicada e un corazón que latexa impetuoso como unha manda de animais salvaxes.

O título fai referencia a un espazo comunal, un lugar sen propiedade onde os corpos se entregan libremente ao coñecemento. A natureza abrolla en cada verso e o poema respira como un bosque silencioso, pleno, lúdico e feliz. Carlos Amado volve entregarnos a súa intensidade e faino cunha evocación inesquecible sobre o amor, o desexo e a poesía.

Carlos Amado

Carlos Amado (Vilariño, O Hío, 1968) deuse a coñecer como poeta nos anos noventa, cando publica títulos como O redello que tece a terra, que o colocaron entre as voces máis singulares do momento. Nesa época, publica tamén reseñas culturais e ensaios de historiografía músical na Revista das Letras. Fundou a plataforma Musicadora, centrada na cultura dixital e na música de síntese. Coordenou e redactou o volume Selectronic.gal (2011), que sistematizou o corpus da produción musical electrónica en Galicia. Entre 2018 e 2025 comprometeuse na programación de eventos no emblemático espazo do Aturuxo, en Bueu. Actualmente, exerce de taberneiro no Rapeta, no seu O Hío natal.


 

Publicado o

‘Mapa da estría’, de Andrea Nunes, finalista do Premio Follas Novas de poesía

Dous volumes publicados por Chan da Pólvora, Mapa da Estría de Andrea Nunes Brións e Autorretrato de vermello de Anne Carson, son finalistas dos premios Follas Novas, que promoven a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG). A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 9 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Mapa da estría, un libro que está a converterse nun auténtico best-seller da poesía galega, aspira a conseguir o Premio do mellor poemario do ano, mentres que Autorretrato de vermello, que foi traducido ao galego por Jesús Castro Yáñez, foi seleccionado no apartado do libro mellor editado.

Publicado o

Chan da pólvora publica por vez primeira en galego a poesía de Sharon Olds

Sharon Olds, unha poeta de culto na literatura anglosaxona actual, chega por vez primeira ao galego e faino con Baladaz, o seu libro máis recente, publicado en 2022 e ata agora inédito en calquera das linguas peninsulares. Finalista do National Book Award for Poetry e do Griffin Poetry Prize, Baladaz incide nos temas habituais desta escritora provocadora e polémica, afondando en cuestións como o amor, a familia ou a represión, ademais dunha visión persoal sobre a pandemia do Covid-19. Os poemas, traducidos por Antón Lopo, saen publicados en dous volumes. O primeiro inclúe as tres primeiras partes: Cuarentena, Baladaz de Amherst e, precisamente, Baladaz.

Estamos ante unha obra concibida desde as regras do xogo infantil onde a autora desenvolve algunhas das súas obsesións, con personaxes xa característicos como Carl (o seu ex compañeiro) ou unha nai insensible. Complexo na estrutura e de longuísimo alento, Baladaz aparece en dous volumes, dos cales este primeiro recolle a súa experencia no confinamento e máis unha enxeñosa visita á admirada Emily Dickinson en Amherst.

Olds escribe sobre o seu corpo, a súa imaxe e a autoaceptación de envellecer, pero tamén sobre o racismo e compromiso político, sobre a ética, o maltrato, a educación, os medos ou as herdanzas que reciben as fillas do capitalismo. Cun inconfundible estilo directo, logra que nos sintamos partícipes do seu mundo e das súas inquedanzas ata econstruír comunalmente a súa vida, con brillantez e humor, mediante a literatura. 

A publicación de Baladaz únese ao proxecto de traducións de Chan da Pólvora para poñer en galego algunhas das autoras clave na poesía contemporánea en inglés, como Louise Glück ou Anne Carson.

Publicado o

‘Exuvia e saliva’ de Lorena Souto gaña o Premio da Crítica ao mellor poemario de 2025

Exuvia e saliva, o libro que marcou o regreso de Lorena Souto á poesía, foi elixido o mellor poemario do ano 2025. Así o recoñeceu o xurado dos Premios da Crítica, que cada ano concede a Asociación Española de Críticos Literarios, á que está asociada a Asociación Galega da Crítica. O poemas do volume, que publicou Chan da Pólvora no mes de setembro, colocan unha ollada de microscopio sobre o contexto rural, fixada no detalle a nas estruturas internas, que foxe de idealizacións para formular preguntas abertas e procurar unha comprensión íntima da experiencia vital nesa realidade. O libro xorde como unha ampliación de Coleópteros, plaquette aparecida tamén en Chan da Pólvora, que foi medrando como o fai o pan cando leveda. Os temas que xa aparecían na obra anterior (a linguaxe e o silencio, os rituais e o alimento, a natureza, a idea de pertenza…) desenvólvese en profundidade arredor de tres capítulos que se suman a Coleópteros.