Publicado o

Catro autor*s de Chan da Pólvora fan historia e optan ao Premio arri[t]mar

Catro autor*s que publicaron no ano 2025 en Chan da Pólvora, Ana Romaní, Gonzalo Hermo, Andrea Nunes Brións e Lorena Souto, optan aos premios Arri[t]mar, un proxecto desenvolvido pola Escola de Idiomas de Santiago co obxectivo divulgar a música e a poesía galegoportuguesas actuais, e aproximar a cultura dos dous países dentro dos vínculos coa lusofonía. É a primeira vez que catro autror*s publicados pola mesma editorial optan a estes galardóns, do que son finalistas un total de dez poemas de autoras como Pilar Pallarés ou Lupe Gómez.

Ana Romaní opta ao galardón polo poema “Recoñezo entre a maleza”, pertencente ao poemario Love me tender, que Chan da Pólvora editou na colección Cova da lontra. Andrea Nunes Brión opta conUn mar que soña”, de Mapa da estría, libro que acaba de recibir o Premio Follas Novas ao mellor poemario do ano 2025. Pola súa banda, Gonzalo Hermo chega ao Arr[t]mar con “Rito de pasaxe”, incluído no seu libro Un xesto de tenrura , que lle valeu o Premio González Garcés. Por último, Lorena Souto foi elixida polo poema O brillo dolorosamente incisivo da raxeira”, de Exuvia e saliva., un conxunto de poemas que recibiu neste mes de abril o premio da Crítica española ao mellor poemario en galego.


 

Publicado o

‘Mapa da estría’ de Andrea Nunes únese a ‘Exuvia e saliva’ de Lorena Souto na mellor poesía de 2025

Mapa da estría, de Andrea Nunes Brións, foi elixido o mellor poemario do 2025 polo xurado dos Premios Follas Novas, que convocan as asociacións de escritores, libreiros e editores. O galardón únese ao premio da crítica española para Exuvia e saliva, de Lorena Souto, e colocan os títulos de Chan da Pólvora Editora no cumio da poesía galega, precisamente cando o selo culmina a súa acción editorial. A estes recoñecementos súmanse as candidaturas de catro poemas publicados pola editora para os premios Arri[t]mar, no que son finalistas Ana Romaní polo poema “Recoñezo entre a maleza” –do poemario Love me tender–, Andrea Nunes Brións porUn mar que soña” –de Mapa da estría–, Gonzalo Hermo por “Rito de pasaxe” (de Un xesto de tenrura) e Lorena Souto por O brillo dolorosamente incisivo da raxeira” –de Exuvia e saliva. Ningunha editorial conseguira, ata agora, unha presenza tan avultada neste certame que reúne a música e mais a poesía de Galicia e Portugal.

Andrea Nunes Brións entende o premio Follas Novas non só como un recoñecemento individual senón “como unha celebración das voces que escribimos desde as marxes, desde os afectos e desde outras formas de habitar o mundo”. Para a autora de Mapa da estría, convertido nun auténtico best-seller da poesía galega no último ano,  “a poesía é un espazo de liberdade,de denuncia e tamén de acubillo. Por iso está distinción dame azos para seguir escribiendo en tempos de tanta hostilidade”.


 

Publicado o

Noudelo e Ribón celebra os 25 anos de ‘Fisteus era un mundo’, de Lupe Gómez

Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) é unha das voces máis celebradas da poesía galega das últimas décadas, cunha obra que comprende tanto a narrativa, o verso, o ensaio ou o teatro. Hai agora 25 anos, en 2001, publicaba un dos libros que marcaron unha época. Titulábase Fisteus era un mundo e nel a escritora reconstruía a súa infancia e a vida familiar na década dos anos setenta, nun relato de gran poder emocional e conmovedoras imaxes. Noudelo e Ribón celebra eses 25 anos cun volume de edición esmerada onde se incorpora tamén material inédito.

Continúe lendo Noudelo e Ribón celebra os 25 anos de ‘Fisteus era un mundo’, de Lupe Gómez