
Good-bye, Galicia é o título co que Mario Regueira reúne para Chan da Pólvora a poesía galega e os ensaios de Euxenio Montes, un dos primeiros escritores vangardistas da literatura galega e, tamén, unha das figuras máis controvertidas da historia do século XX, período no que pasou de admirado activista no galeguismo a impulsor da Falange española. A edición de Regueira preséntase o vindeiro mércores 22 de xullo na libraría Couceiro de Compostela a partir das sete da tarde. O volume forma parte dun proxecto de Chan da Pólvora para revisar as vangardas de primeiros do século XX en Galicia.


Pilar Pallarés presenta o vindeiro xoves 16 de xullo na Coruña a súa nova publicación, Unha escriba, onde reúne o conxunto da súa poesía, incluída a dispersa. O acto, que comezará a partrir das oito da tarde en Portas Ártabras, contará coa introdución de Miguel Mato, que se adentrará na espiral envolvente da poesía de Pallarés, unha das voces capitais da literatura galega actual. “A vida só é máis vida / se o pensamento vén e se dá en éxtase”, escribe xa ao final do libro nunha caste de principio de vida que culmina está excepcional panorámica sobre a súa obra.



