Un título de Chan da Pólvora, nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas, foi elixido o libro mellor editado do 2020 pola súa factura “case artesanal na que todas as pezas encaixan para conseguir un volume con identidade única. Que une con exquisitez a voz da poesía e as imaxes. Combinando literatura infantil con arte contemporánea”. O premio que se lle entregou a Chan da Pólvora recolleuno Marica Campo durante unha gala anual celebrada este sábado [día 15 de maio] no Teatro Principal de Santiago de Compostela, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Libreiros de Galicia. É a primeira vez que Chan da Pólvora consegue o galardón de edición. “En nome de todas as persoas que facemos posible Chan da Pólvora [dixo Marica Campo en representación da editora], querémosvos agradecer apoiar o noso proxecto. Non o consideramos só un recoñecemento á xente que intentamos facer de cada libro unha experiencia única, senón tamén unha posta en valor das persoas que están apostando pola supervivencia editorial do país, empezando polas subscritoras e subscritores de Chan da Pólvora e continuando polas autoras e autores que nos ofrecen a súa confianza, os lectores e as lectoras que recibides con estusiasmos os nosos títulos e, por suposto, as librarías. Tamén, a todas as editoriais coas que compartimos esta travesía. Grazas a Marica Campo, a Menchu Lamas e todos vós, por acompañarnos”. Nesa mesma gala, A desvértebra de Ana Romaní, tamén publicada por Chan da Pólvora, foi aclamado como o mellor libro de poesía do ano por ser “un libro e ofrece unha grande cantidade de lecturas e que, entre outras, pode lerse como unha reacción contra a sociedade do espectáculo. Mantendo a tensión entre a tradición e a modernidade poética”.
nós outra é un libro de cores e de valores. Un encontro onde as mans están abertas para ofrecer territorios comunais, ámbitos de intercambio, paisaxes que retratan a beleza e a complexidade de cada persoa. Estas páxinas tratan de afianzar nos nenos e nas nenas a idea de que non hai desculpas para a marxinación ou o acoso. A raza, a condición económica ou social, as características físicas ou mentais, os xeitos de amar ou a procedencia xeográfica son a forza que nos une, un patrimonio compartido. Ao cabo, nós outras propón unha viaxe excepcional e fermosísima pola diversidade do mundo e a igualdade do ser humano.
Non é moi frecuente, no ámbito da poesía, que se publiquen materiais destinados a nenas e nenos cunha orientación específica cara á diversidade. De feito, este libro de Marica Campo e Menchu Lamas está destinado a converterse nun referente editorial dentro das estratexias para combater fenómenos de convivencia entre os escolares que están a provocar grande precupación nas aulas. As ilustracións de Lamas, marcadas polo cromatismo vibrante e un amplo abano de propostas simbólicas arredor da man aberta como signo aglutinador, danlle ao libro unha luminosidade sorprendente, perfectamente vinculada ao brillo sonoro dos versos de Marica Campo, unha das máis admiradas escritoras de poesía infantil en Galicia.