Chan da Pólvora lembra o próximo luns [24 de maio] o 25 aniversario da morte de Lois Pereiro e homenaxeamos o autor na súa cidade natal [Monforte de Lemos] coa presentación de Cadernos persoais, un conxunto de diarios inéditos que acaba de aparecer na colección Cova da Lontra da editorial. A homenaxe, que se celebra a partir das oito da tarde nun acto coorganizado polo Ateneo Casino de Monforte, contará coa presenza de Xosé Manuel Pereiro, Inés Pereiro e Héctor Cajaraville, encargado de realizar a edición e as notas do volume.
A finais de abril chegou ás librarías Cadernos persoais, un conxunto inédito de textos de Lois Pereiro co que Chan da Pólvora lle rende homenaxe no 25 aniversario da sua morte. O acto de presentación e de homenaxe terá lugar o próximo luns 24 de maio no Ateneo Casino de Monforte de Lemos, a cidade na que Pereiro naceu en 1958. Héctor Cajaraville [encargado de facer a edición e as notas do volume] participará no acto xunto aos irmáns do poeta, Xosé Manuel Pereiro e Inés Pereiro, ademais do editor de Chan da Pólvora, Antón Lopo.
Cadernos persoais recolle un conxunto de cadernos inéditos que nos descubren novas perspectivas do proceso creativo do autor e nos devolven a atmosfera fascinante dun poeta que atopou nas ondulacións da mente a palabra exacta da poesía.
O libro forma parte da colección Cova da Lontra e ofrece un material prezado e descoñecido, cunha introdución do propio Cajaraville sobre o volume, sen dúbida unha das achegas máis importantes á efeméride. O valor dos cadernos, cedidos pola familia, non é soamente documental ou biográfico, senón de grande intensidade literaria, en tanto que proporcionan un novidoso panorama sobre o proceso creativo dun escritor que concibiu a poesía como medio de liberarse da opresión social e que se convertiu, desde o Día das Letras que lle dedicaron en 2011, nunha das figuras máis admiradas e queridas da literatura galega recente.
Os textos que publica agora Chan da Pólvora, como subliña Cajaraville, “están extraídos de cinco blocs escritos polo autor entre os anos 1989 e 1993 e conservados polo seu irmán Xosé Manuel xunto con outros textos manuscritos inéditos. A maioría das anotacións que os compoñen están realizadas coincidindo coas múltiples viaxes que realizou por diferentes países europeos (Francia, Alemaña, Bélxica e Reino Unido) durante eses anos. Ademais, o volume inclúe a transcrición dunha axenda de 1996 (regalo de Isabel, muller de Xosé Manuel) que contén apuntamentos realizados entre os meses de xaneiro e abril dese ano, o derradeiro da vida de Lois”.
Trátase, en definitiva, dun material heteroxéneo no que poden atoparse anotacións “a xeito de diario íntimo” ou poemas enteiros, ademais de ideas para relatos, aforismos, citas literarias e musicais, “pensamentos breves ou reflexións longas, vivencias e anécdotas das viaxes”, mesmo “sentenzas non exentas de enxeño e humor”.
Sen dúbida, estamos ante un volume que permite revisitar, en todo o seu esplendor, o característico e engaiolante Mundo Lois.