Marica Campo, autora dos poemas de nós outras, estará o próximo un de xuño no Centro Sociocultural de Sober para presentar este volume, editado por Chan da Pólvora con imaxes de Menchu Lamas. Será nun acto, organizado a partir das 19,30 horas, no que estará acompañada por Antón Lopo, director do selo editorial. nós outras, publicado na colección Udra de poesía para nenos e nenas, acaba de ser recoñecido co Premio Follas Novas ao mellor libro editado de 2020, galardón que convocan as asociacións de escritores, editores e libreiros.
O libro é unha obra de cores e de valores. Un encontro onde as mans están abertas para ofrecer territorios comunais, ámbitos de intercambio, paisaxes que retratan a beleza e a complexidade de cada persoa. Estas páxinas tratan de afianzar nos nenos e nas nenas a idea de que non hai desculpas para a marxinación ou o acoso. A raza, a condición económica ou social, as características físicas ou mentais, os xeitos de amar ou a procedencia xeográfica son a forza que nos une, un patrimonio compartido. Ao cabo, nós outras propón unha viaxe excepcional e fermosísima pola diversidade do mundo e a igualdade do ser humano.
Non é moi frecuente, no ámbito da poesía, que se publiquen materiais destinados a nenas e nenos cunha orientación específica cara á diversidade. De feito, este libro de Marica Campo e Menchu Lamas está destinado a converterse nun referente editorial dentro das estratexias para combater fenómenos de convivencia entre os escolares que están a provocar grande precupación nas aulas. As ilustracións de Lamas, marcadas polo cromatismo vibrante e un amplo abano de propostas simbólicas arredor da man aberta como signo aglutinador, danlle ao libro unha luminosidade sorprendente, perfectamente vinculada ao brillo sonoro dos versos de Marica Campo, unha das máis admiradas escritoras de poesía infantil en Galicia.