En xuño de 2016, botaba a andar Chan da Pólvora Editora e para celebrar o seu quinto aniversario publica Noite fiel e virtuosa, o último libro de Louise Glück, poeta recoñecida co último Premio Nobel de Literatura. Foron cinco anos intensos dun selo que naceu dentro dun proxecto interdisciplinar e que na súa traxectoria logrou converterse nunha das referencias poéticas en Galicia. Recoñecementos recentes como o Follas Novas á mellor edición por nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas, ou ao mellor poemario por A Desvértebra de Ana Romaní [tamén premio da Crítica Española] confirmaron unha liña que nestes primeiros meses do ano fixo dúas entregas de gran repercusión: De certo, a vida ía en serio de Xela Arias e Cardernos persoais de Lois Pereiro.
Chan da Pólvora fixo unha forte aposta por Glück e en dúas temporadas publicará tres dos seus libros. Tras Noite fiel e virtuosa, aparecerá en outubro Winter recipes from the colective, un inédito da autora que chegará simultaneamente en galego e inglés. Xa para inicios de 2021, será a quenda de Averno, sen dúbida un dos seus libros máis definitorios.
‘Noite fiel e virtuosa’
Louise Glück estaba exhausta dos moldes aos que sometera a súa poesía e de súpeto deu con Noite fiel e virtuosa, un libro toldo e, ao tempo, luminescente, con poemas que somerxen por vez primeira a autora na prosa ata separala dela mesma e outorgarlle unha memoria masculina. O libro salvouna do seu pasado e a cambio conduciuna a un futuro onde xa é posible sentir o alento da morte. A paisaxe que se divisa desde o bordo dese absimo non é porén tráxica porque todo neste libro, desde a homofonía do título en inglés entre noite [night] e cabaleiro [knight], invita aos equívocos e ao xogo, ás lecturas dobres ou á dimensión elástica da linguaxe onírica. O tempo comprímese, os personaxes mestúranse, as identidades de xénero conflúen, os defuntos falan, a infancia regresa para cobrar os seus réditos e a realidade semella, por momentos, máis unha ensoñación que algo equiparable á verdade. Sobre ese material, Louise Glück constrúe atmosferas misteriosas e máxicas, unha especie de conto de fadas para que os adultos sigan xogando.
Os libros da Nobel de 2020 aparecerán na colección O Río, dedicada especificamente ás traducións. Nesa mesma colección, publicáronse títulos como Físico de Andrew McMillan [vertido ao galego por Isaac Xubín] e Ferrovías de John Berger e Anne Michaels [con tradución de Martín Veiga].
Louise Glück
Louise Elisabeth Glück [Nova York, 1943] é unha das poeta norteamericanas de maior recoñecemento na actualidade. Ademais do Nobel, recibiu algúns dos máis prestixiosos garalardos do seu país, entre eles o Pulitzer por The Wild Iris en 1993. En 2020 converteuse na decimosexta muller en obter o Nobel de Literatura. Trátase dunha autora que tece poemas de curte confesional e expresión formal narrativa, reflexiva nun lindeiro que con frecuencia se cruza coa revelación. Nos seus poemas adoita definirse como unha muller que pasou a vida buscando a aprobación da súa nai. “Escribo [asegurou unha vez] para falar a aqueles aos que escoitei”.
Samuel Solleiro
Samuel Solleiro [Tui, 1982] publicou en Chan da Pólvora O mundo dos vivos, un libro que marcou o seu regreso á poesía doce anos despois de escribir Punk, o seu poemario de xuventude. O libro afianzou a súa sona de loitar contracorrente, acadada xa na narrativa, e confírmouno como un escritor de gume afiado, capaz de irromper na lectura do poema con descargas de inxenio. Guitarrista no grupo Ataque Escampe, Solleiro é tradutor de profesión, licenciado en Antropoloxía e Filoloxía. Publicou sobre todo narrativa, xénero no que figuran títulos como Dz ou o libro do esperma (2006) e Gran tiburón branco (2012).
A editorial
Chan da Pólvora Editora botaba a andar o 28 de xuño de 2016 sobre unha base de subscricións que se mantén ata hoxe. Ese día presentouse Querido Eduardo [unha esixente edición das cartas que Ramón Suárez Picallo lle escribiu a Blanco Amor] nun acto celebrado na hoxe desaparecida Libraría Chan da Pólvora, eixo dun proxecto interdisciplinar onde confluían Muro Dochán [de experiencias artísticas] e a editorial oral Chanzo, que se mantén en activo a través da web www.chandapolvora.gal. Nesa web perviven pegadas desa enxurrada colectiva con sitios como o Laborarotio de Indagacións Poéticas [LIPo], que aloxa pezas de experimentación audiovisual.
De feito, a maior parte da enerxía que artellaba o proxecto inicial continúa en actividade, como a Biblioteca de Mesopotamia [especializada en literatura da Ribeira Sacra] e a alianza de coedicións con Papeles Mínimos. Tamén series en aberto como N [en colaboración con Amastra-n-gallar], Lletres Gallegues UB [para a Universidade de Barcelona] e ELBa [do premio Baleirón do Concello de Dodro].
Ademais da homónima colección de Chan da Pólvora [na que publicaron Francisco Cortegoso, Pilar Pallarés, Ana Romaní, Constantino Bértolo, Carlos Lema, Antón Blanco, Xabier Cordal, María do Cebreiro, Genaro da Silva, Pablo Fidalgo, Chus Pato, Antón Reixa, Lupe Gómez, Samuel Solleiro ou Paula Luís], a editora conta con distintos catálogos especializados, entre os que figura a aposta panorámica de Cova da lontra, que inclúe poemas de Franco del Carro [en edición de Emilio Araúxo] Carvalho Calero [en edición de Pilar Pallares], Xela Arias [en edición de Chus Nogueira] e Cadernos persoais de Lois Pereiro [en edición de Héctor Cajaraville].
Canda estas coleccións, Chan da Pólvora mantén a mentada Rabo de Égua [con Federico García Lorca, Brane Mocetic, Pau Vadell, Serafín Ferro e Antom Fortes]; Udra de poesía para nenos e nenas [con Tinta de Luz, de Pepe e Berta Cáccamo e nós outras, de Marica Campo e Menchu Lamas]; Areal de Melide de propostas híbridas [con Ultramarino de Jesús Castro Yáñez, Ad inferos de Mónica Sánchez, Sardiña de Miriam Reyes e nenas medrando de Silvia García]; O Río de traducións; Malaca de fóra de plaquettes [con obras de Rafa Lobelle, Lara Dopazo, Teresa Moure, Arcadio López Casanova, Lorena Souto e Xosé María Álvarez Cáccamo] e Sentulo de esculcas poéticas, na que figura a antoloxía Dentes para a mazá.
Son case sesenta os títulos publicados ao longo destes cinco anos de andaina e máis de 150 as persoas que apoiaron, mediante subscricións, o proxecto, achega que tamén converte Chan da Pólvora Editora nun fenómeno comunal. Entre os recoñecementos recibidos, están o Premio Nacional de Literatura, o Gala do Libro e o da Crítica para Tempo fósil de Pilar Pallarés; ou o da crítica e o da Gala do Libro para Camuflaxe de Lupe Gómez. Tamén o Follas Novas e o da crítica para A desvértebra de Ana Romaní; o Follas Novas á mellor edición para nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas ou a inclusión de Tinta de Luz de Pepe Cáccamo e Berta Cáccamo entre os mellores libros infantís do mundo polo Ibby.
Chan da Pólvora ten a súa sede en Santiago de Compostela pero debe o seu nome a un barrio das Illas Ons, precisamente onde xurdiu o proxecto. Todas as coleccións da editora remiten á xeografía do arquipiélago, incluída Onsa, unha unidade de produción externa. O Concello de Bueu, ao que pertencen administrativamente as illas, está representado pola colección Udra [un cabo singular do municipio e punta próxima a Ons]. Este verán aparecerá o primeiro volume da colección Illa de Ons, pensada para recuperar e poñer en valor o patrimonio cultural dos arquipiélagos que conforman as denominadas Illas Atlánticas.