Publicado o

Tras quince anos de silencio, Anxo Angueira regresa á poesía con ‘Palmeiras, piueiros’

Palmeiras, piueiros é o título que elixiu Anxo Angueira para regresar do seu silencio poético, que duraba xa quince anos. A portada do libro publícase hoxe, 13 de xaneiro, o día no que el cumpre 61 anos e cando os seus poemas comezan a andaina da difusión. “Este libro [sublíña Angueira no colofón do volume] rematouse de imprentar o 20 de decembro de 2021, día en que chegou o AVE a Ourense, en que celebramos a vitoria da esquerda en Chile e en que conmemoramos a estrea en 1907 do Himno Galego na Habana”.

Pero Palmeiras, piueiros non rompe só un prolongado silencio senón que tamén ofrece unha perspectiva poética global do autor. “Calquera fronteira que poidades imaxinar ou coñecer, calquera cicatriz que en falso fose cosida é rebentada pola forza desta escritura”, asegura Chus Pato respecto dos poemas de Angueira nas achegas das Contornas que pechan o volume, apartado que comparte coa reveladora entrevista de Xabier Cordal e a autopoética do propio Angueira.

Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1961) constrúe desde finais dos anos oitenta unha das obras máis persoais da poesía galega. A súa proposta, enxertada na intensidade do avío popular e relanzada no ámbito axitador, deixou pegadas indelebles en libros como Val de Ramirás (1989), O valo de Manselle (1996), Libro  da Vertixe (1997) e Fóra do sagrado (2007).  Desde finais dos noventa, internouse no cúltivo da narrativa, onde conseguiu unha grande acollida, tanto da crítica como dos lectores. Pensa nao (1999) ou Iria (2012) son algúns dos seus títulos máis celebrados. De entre os ensaios e investigacións como profesor da Universidade de Vigo, cómpre destacar A espiral no espello (2009). Das copras de Sarmiento aos cantares de Rosalía de Castro (2013), Rexurdimento: a palabra e a idea (2019) e a edición crítica da poesía de Rosalía de Castro. Foi membro fundador das Redes Escarlata (2001) e desde xuño de 2012 preside a Fundación Rosalía de Castro.