Publicado o

Luís Cuntin publica ‘O caderno de Daia’, a historia de corenta anos de amor e sublimación

Un libro onde a literatura e a vida se mesturan. Asi é Caderno de Daia, o poemario de Luís Gustavo Cuntín que aparece na colección Onsa de coedicións de Chan da Pólvora, neste caso realizada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O vindeiro mércores, nove de marzo, o libro preséntase, a partir das oito da tarde, no Café Airas Nunes de Santiago de Compostela, nun acto onde participarán o propio autor e Elias Torres Feijó –autor do limiar do volume– xunto a Arturo L. Regueiro, Javier Pérez Carrasco, o editor Antón Lopo e Valentín García, titular de Política Lingüística. En palabras de Torres Feijó, Cuntín “faz um livro clássico, clássico não na convenção; na estatura clássico. Umha estatura alicerçada em todos os ângulos e sensações aprofundadas no amor e no desamor, por todas as idas e chegadas e por todos os abandonos. E com ela, espaços e tempos, paisagens e cronologias, aprofundadas e, ao mesmo tempo, ligadas e isoladas na leitura”. 

O caderno de Daia iniciouse en febreiro de 1975, nos últimos meses da ditadura, cando Luís Cuntín coñece en Redondela a unha compañeira de estudos. Logo, o Caderno desbordase con poemas que se foron dirixindo, pouco a pouco, á personaxe sublimada máis que á persoa. Este complexo proceso, tallado de labirintos afectivos, demorouse máis de trinta anos e pechouse definitivamente no 2008, ao concluír a versión actual.

Non estamos, porén, ante unha autobiografía porque o libro se ramifica no colectivo e atinxe as transformacións lingüísticas e ortográficas do propio país, pero resulta evidente que a cadencia do verso é íntima. Cuntín asegura que desde os catorce anos escribe en clave poética as súas vivencias persoais. Fiel a este principio, o Caderno amósanos que a escrita e a vida poden fundirse como a tinta no papel.

Luís Gustavo Cuntín Docampo (Santiago de Compostela, 1960) dedícase á investigación nunha perspectiva sociolóxica, logo de ser director técnico de Obradoiro de Socioloxía de 1998 a 2013, e profesor asociado na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC. O caderno de Daia é o seu primeiro poemario publicado pero, previamente, mantivo colaboracións frecuentes co poeta Arturo L. Regueiro. Xuntos, puxeron sobre os escenarios, cos seus propios textos, o espectáculo de poesía e Jazz 2+2 = Silver Street, así como Galiza Cajun e Curriculum oculto, nos que unha serie de textos dos libros homónimos de Regueiro se integran e dialogan entre os recitados e a música do grupo Pettit Swing.

A presentación do día nove de marzo en Compostela é o inicio dunha serie de actos que difundirán o libro de Cuntín en diferentes vilas e cidades de Galicia. Deste xeito, o Caderno de Daia chegará o mércores día 16 de marzo, ás oito da tarde, ao Vitrubia Café coa participación de Lorena Otero, Santi Rodríguez Avión, Arturo L. Regueiro e Cuntín. Posteriormente, o venres día 18, ás oito da tarde, chegará ao Auditorio do Multiusos Municipal da Xunqueira, de novo con Lorena Otero e a compaña de Elias J. Torres Feijó Santiago Rodríguez Avión, Arturo L. Regueiro e Iria Vilaboa, concelleira de Cultura da localidade. Por último, o sábado 19, Cuntín presenta o seu poemario, a partir das oito da tarde, na sala de conferencias do primeiro andar do Edificio Panorámico de Tui, xunto a José Ángel Font, Elias Torres, Santi Rodríguez Avión, Arturo L. Regueiro e Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura.

.