Publicado o

‘A desvértebra’ de Ana Romaní entra no CGAC da man da artista australiana Narelle Jubelin

A desvértebra, o libro de Ana Romaní que publicou Chan da Pólvora e agora acaba de ser reeditado na colección Sentulo, entra no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da man de Narelle Jubelin, artista australiana (Sidney, 1960) que inaugura este venres a súa mostra Nalgures.  A exposición, segundo subliña a súa curadora, Natalia Porcela, “sitúanos nunha indeterminación que está por definir, no interior dunhas xeografías fragmentarias: lugares, vestixios, modos de ocupación”.

Jubelin chegou aos versos de A desvértebra despois de analizar unha serie de contextos vinculados á cultura galega. Dalgún xeito, na palabra de Ana Romaní (e na figura de Begoña Caamaño glosada en A desvértebra) atopou unha forte conexión e decidiu facer unha intervención caligráfica na cristaleira do CGAC a partir do poemario (momento que recolle a fotografía deste artigo). Cada pano da enorme cristaleira é entendida por Jubelín como unha páxina.

Na súa exposición para o CGAC, Jubelin (Sidney, 1960) detense nas memorias duns espazos, duns referentes obxectuais e literarios concretos dentro do contexto galego que vincula con outras cartografías e con referencias á súa propia biografía e á súa traxectoria artística. Ademais, con ocasión deste proxecto, Jubelin incorpora por primeira vez á súa semántica outras creacións artísticas contemporáneas, como é o caso das fotografías que Anna Turbau (Barcelona, 1949) realizou en Galicia a mediados dos anos setenta e que sinalan elementos aos que a artista australiana acode décadas despois.

Nalgures profunda na memoria da paisaxe e das construcións humanas habitacionais, pero tamén nos modos de ocupación espacial e na redefinición formal das distintas producións culturais. Ás novas obras, realizadas especificamente para esta exposición, únanse tamén elementos presentes en proxectos anteriores.

O punto de partida do proxecto é o propio CGAC, inserido nun extremo do parque de Bonaval, un espazo vertebrado pola presenza da agua e unido á arquitectura do antigo cemiterio. A proximidade do Camiño Francés enlaza coa localización dunhas arquitecturas de auga que atraen a atención de Narelle Jubelin. Unha delas é o lavadoiro de Pinisqueira (Aguiño, Ribeira, A Coruña), situado xunto ao mar nun lugar próximo ao camiño A Orixe, a última das rutas de peregrinación articuladas ao redor da traslatio do corpo do apóstolo desde Xerusalén. Nesa cidade, durante a segunda intifada en 2002, Jubelin expuxo Shumakom, un proxecto sobre o conflito e a ocupación. De aí xorde a referencia presente en Nalgures á franxa de Gaza; en concreto, á organización espacial dun dos campamentos de refuxiados, antes e despois do bombardeo que tivo lugar un 25 de xullo, no contexto da ofensiva israelí do verán de 2014.

O día inauguración, o tres de xuño, haberá ás seis e media da tarde un encontró co público no que participará, ademáis de Jubilen e de Natalia Porcela, o director do CGAC, Santiago Olmo.