Publicado o

Inma López Silva presenta ‘Clepsidras’ este xoves 16 de xuño na libraría Cartabón de Vigo

Clepsidras, o primeiro poemario de Inma López Silva, preséntase este xoves 16 de xuño en Vigo, nun acto que terá lugar a partir 20:30 na libraría Cartabón. Nel participará, ademais da autora e do editor Antón Lopo, a poeta Silvia Penas, membro tamén do proxecto interdisciplinar Cintaadhesiva. Clepsidras conseguiu a última edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón de poesía, que convoca o Concello de Dodro. Chan da Pólvora publícao na súa colección específica [elba], acrónimo do escritor ao que homenaxea o galardón e tamén o nome da primeira muller do Mesolítico galego da que se ten noticia.

Inma López Silva, unha das narradoras máis celebradas da literatura galega actual, sentiu a chamada da poesía e escribiu, practicamente como nun refol de inspiración, Clepsidras, libro no que asistimos en verso real á experiencia dunha escritora que se enfronta á experimentación literaria e, simultaneamente, á descuberta da memoria personal. Moi poucas veces se dá a oportunidade de ler a unha autora tan exposta e tan consciente da súa exploración. Sobrecolle como se desdobra en filla, nai, esposa, amante, neta. Como se mergulla na profundiade emocional e combate a presión do poema cun sorriso nos labios. Clepsidras apreixa o tempo líquido –inapreixable– e as súas rimas cósmicas, que nos unen máis alá dos lazos de sangue. A súa intimidade desarma a calquera persoa que se achegue a este libro asombroso.

Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978) é unha exploradora de narrativas e paisaxes que a converteron nunha das figuras máis admiradas da literatura galega contemporánea. Deuse a coñecer en 1996 coa novela Neve en abril, á que seguiron os libros de relatos Rosas, corvos e cancións (2000) e Tinta (2012). Nese período, publicará algunhas das obras que lograron a aclamación da crítica e do público, ademais de importantes premios, como foron Concubinas (2002), Non quero ser Doris Day (2006), Memoria de cidades sen luz (2008) e Aqueles días en que eramos malas (2016). Ademais escribiu o libro de viaxes New York, New York (2007) e os ensaios feministas Maternosofía (2014) e Chámame señora, pero trátame come a un señor (2018). A súa última novela, O libro da filla, foi publicada en 2020 e recibiu o Premio da Asociación da Crítica Española.