Publicado o

Este domingo día 21 preséntase en Ons o primeiro libro sobre a língua illana

En xullo de 2015, botaba a andar na Illa de Ons un proxecto de acción cultural que tomaría como denominación o nome do popular barrio onde nacía: Chan da Pólvora. Sete anos despois, a editora xurdida do proxecto réndelle homenaxe á illa coa creación dunha colección específica que  inaugura o volume Até aquí podo contar [A lingua da Illa de Ons], traballo de José Dopazo Entenza que culmina unha década dedicada a sistematizar a fala dos illáns. Este domingo día 21, coincidindo coas festas patronais de Ons, o libro preséntase no Centro de Interpretación a partir das once da mañá nun acto onde participan o autor, o académico Francisco Fernández Rei, o concelleiro de Cultura de Bueu, Xosé Leal, e o director de Chan da Polvora Editora, Antón Lopo.

As relacións da editora con arquipélago –trátase do primeiro selo editorial nacido en Ons– veñen de lonxe e reflíctense non só no nome xeral senón tamén na designación de cada unha das coleccións, que se articulan con topónimos illáns como Malaca de Fóra, Rabo de Egua, Area de Melide, Cova da Lontra, O Río ou Onsa, ademais dunha sección especial de poesía para nenos chamada Udra. Desde o comezo da andaina, o Concello de Bueu fomou parte dos subscritores da editora e agora é copartícipe da nova colección, que non só se ocupará de temas específicos da illa senón tamén de propoñer achegamentos a outros terreos insulares da costa atlántica.

Nos últimos anos, a visión que temos da Illa de Ons transformouse de maneira radical. Houbo achegas reveladoras á toponimia, á historia ou aos costumes dos illáns -elemento distintivo da etnografía insular galega-. Ao tempo púxose en valor a especificidade natural do arquipélago e saíron á luz achados sorprendentes, como unha factoría romana para fabricar a prezada púrpura. Porén, este libro é o primeiro estudo científico sobre as características lingüísticas do pobo que habita as illas. Tedes nas mans un pequeno tesouro. Nel, gárdase a fala tal como estaría na súa placenta anterga e a fala que evolucionou á marxe das correntes continentais. Trátase dun libro fundamental que fixa a cerna cultural de Ons, unha achega brillante que une ao traballo filolóxico de José Manuel Dopazo Entenza un importante apéndice documental de imaxes e de textos que nos permiten evocar –e falar– como illáns. 

José Manuel Dopazo Entenza (O Valado, Bueu, 1989) leva traballando desde hai anos no patrimonio lingüístico e cultural da Illa de Ons, cuestión que xa abordou no seu traballo de fin de carreira –estudou Filoloxía Galega– e que articula a súa tese doutoral, A lingua da Illa de Ons. Análise da variación e do cambio lingüístico (2022), dirixida por Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira Fernández. Desde 2015, participou como investigador no desenvolvemento de diversos corpus orais do galego e, posteriormente, no Arquivo do Galego Oral (AGO). Neste último proxecto continúa a participar como colaborador externo desde 2020.