Publicado o

O poder electrónico da poesía de Afonso Traficante desembarca na Horta das Chas

 

A Horta das Chas, o espazo alternativo en Compostela para a poesía que creou Chan da Pólvora Editora, acolle este venres día 26, a partor das 19.30, o recital de Afonso Tranficante, poeta que desenvolve a súa obra entre a paixón do poema e a envolvencia da música. O recital chega un día despois de que Emma Couceiro presentase na horta (o xoves día 25) os seus novos poemas, cos que rompeu unha década de silencio. Fiel á sua esculca característica, Traficante ofrecerá no seu recital unha novidosa proposta que mestura a música electrónica e a poesía, na que é a súa primeira experiencia pública co tecno.

Afonso Traficante naceu en Ferrol (1995) pero síntese de Ordes, a vila na que medrou e na que sentiu a chamada da música e da poesía, as dúas expresións que dominan no seu marco creativo. Virtuoso do vibráfono, instrumento no que se perfeccionou en Portugal, Traficante é unha das voces da poesía recente galega con capacidade para  crear atmosferas de cadencia enigmática. Na Horta das Chas preparou un espectáculo onde recita ao vivo sobre unha música que compuxo previamente.

A programación estival da Horta das Chas (situada no soto do número 37 da Corredoira das Fraguas) botou a andar o 24 de xullo con Clo Plas, proxecto performativo impulsado pola poeta Xiana Arias e polo explorador de sons Berio Molina. Ata o 30 de setembro, en será clausurado polo Grupo das Lupercais, o programa inclúe os recitais de Miro Villar, Rafa Lobelle, Ana Romaní+Chus Silva, Cesáreo Sánchez Iglesias, Alicia Fernández+Eduard Velasco e Lorena Souto.