A Horta das Chas acolle este xoves, oito de setembro, o recital de Miro Villar, un dos máis recoñecidos axitadores da chamada xeración dos noventa. O recital, que comeza ás 19.30, terá lugar no almacén da horta, un espazo ata agora sen actividade que se incorpora ao proxecto alternativo de Chan da Pólvora. A Horta Chas (situada no soto do número 37 da Corredoira das Fraguas) acolle desde finais de xullo un programa de recitais no que xa se puideron escoitar as propostas de Clo Plas, Emma Couceiro ou Afonso Traficante, e que ao longo deste setembro ofrecerá tamén as de Rafa Lobelle (día 16), Cesáreo Sánchez (día 21), Alicia Fernández+Eduard Velasco (día 23), Ana Romaní+Chus Silva (día 24), Lorena Souto (día 29) e o Grupo das Lupercais, que pecha o 30 de setembro o programa.
Miro Villar (Cee 1965) destacou como investigador, crítico literario e tradutor, pero sobre todo é autor dunha extensa obra literaria que se iniciou en 1992 con Ausencias pretéritas e inclúe novelas de grande éxito dirixidas á mocidade como A pantasma da casa da Matanza (2013). No almacén da Horta das Chas ofrecerá un recital sobre a memoria que resignifica as perdas dos afectos e dos espazos do territorio. Será, en palabras do poeta, unha lectura espida na modulación da voz na que percorrerá unha parte da súa produción, con titulos como 42 décimas de febre (1994), Abecedario da desolación (1997; premio Tívoli-Europa 1998), Equinoccio de primavera (1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999), Gameleiros (2002, co fotógrafo Manuel Álvarez), As crebas (2011; premio Concello de Carral, 2010) e Breizh (2012).
O recital recupera, neste sentido, un concepto que Miro Villar vén utilizando na súa obra: as crebas como símbolo da procura teimuda de todo o que o mar volve, de todo aquilo que a vida volve. O poeta –subliñou o crítico Ramón Nicolás– transfórmase “en crebeiro, camiña e camiña ao pé do mar, da vida, para artellar unha sorte de crónica, ou de diario se se quer, no que reivindica con convicción o papel da muller na historia, entre outros aspectos, e espella ao mesmo tempo o sentimento de perda, do que se foi ou está a piques de marchar e que resiste na memoria”.