O lugariño, o debut de Iago González, é o segundo volume que se publica esta temporada na Colección [N], alianza editorial de Chan da Pólvora con Amastrangallar onde tamén apareceu estes días A falta dun Edén, a terra, de Mercedes Martínez Modroño. Iago González, que naceu en Arnuíde (Vilar de Barrio) en 1999, deuse a coñecer no panorama editorial co volume Dentes para a mazá, publicado por Chan da Pólvora, unha antoloxía referencial das novísimas xeracións da poesía galega.
O lugariño versa sobre un lugar (o Arnuíde natal do poeta) pero tamén sobre o rural galego, co esplendor da palabra dun rapaz que o canta cunha voz fresca, como auga que acaban de sacar dunha mina. Porén, o que máis brilla neste libro longo e denso, complexo na súa vontade totalizadora, son as persoas, que o poeta vai enumerando como un notario que levanta acta dunha extinción. O propio poeta asegura que se sente entroncado coa sabedoría dos maiores e coa beleza insondable dos lameiros e da serra. Ese territorio, a palabra que o converte na elipse da velocidade da mente, constrúe os alicerces dun libro poderoso e estraño, inesperado no seu percorrido polos habitantes dunha comunidade refractada no silencio. “O Lugariño“, escribe Olga Novo na introdución ao volume, “é un libro-lugar, intrahistórico mapa total que acolle a tribo enteira, con nomes e apelidos e alcumes, como verdadeira célula de universalidade, con todas as súas dores e clamores e ledicias, contidas na marabilla vangardista do diminutivo afectivo”.
Colección [N] consolida con O lugariño a sua proposta, na que figuran títulos como Seica si, de Emilio Araúxo; Exhibición de Colorado, de Miriam Sánchez Moreiras, e A falta dun Edén, a terra de Merecedes Martínez Modroño. Esta singular alianza editorial, codirixida polo propio Araúxo xunto a Antón Lopo, con Manolo Martínez á fronte do deseño gráfico, pretende recoller os efectos do poema e as súas derivacións no diálogo-discurso da liña-verso. Trátase de exponer as ideas nítidas que afloran nos lindes difusos da poesía. Un lume que, lentamente, se fai desaparición. Unha cinta que corre.