Publicado o

Iago González presenta, xunto con Olga Novo, “O lugariño” este venres día 11 no local da Asociación Cultural Agromadas

O lugariño, o marabilloso poemario de Iago González, preséntase o vindeiro venres día 11 no local da Asociación Cultural Agromadas de Seixalbo, nun acto que comenzará ás 17:00 horas e que contará coa participación de Olga Novo.

O lugariño é un libro sobre un lugar [O Arnuíde natal de Iago González] pero tamén sobre o rural galego, co esplendor da voz dun poeta que o canta cunha voz fresca, como auga que acaban de sacar dunha mina. Porén, o que máis brilla neste libro longo e denso, complexo na súa vontade totalizadora, é a xente, as persoas, que o poeta vai enumerando como un notario que levanta acta dunha extinción.

Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago, Iago González subliña que se sente herdeiro da cultura popular, enxertado “na tradición serodia, na píbeda rural, na canción dos falares, na redención dos dicires, na curación dos poemas e na relixión dos amores”, sucando na aventura dos mundos o xerme vivo da natureza prístina. recibindo a cor sen dor.