Son tres poetas de forte personalidade. Tres mulleres que falan desde distintas posicións pero que teñen en común unha actitude de combate, sexa desde a política activa, o sindicalismo ou os medios de comunicación. Dúas delas, Nieves Neira Roca e Mercedes Martínez Modroño, publicaron en Chan da Pólvora os seus libros Neve de agosto e A falta dun Eden, a terra, ambos cunha gran acollida por parte da afección. Neses libros, aparecen dous poemas, Despois de Lermos e Tarefas, que acaban de entrar entre os dez finalistas dos Premios Ari[t]mar, galardón promovido desde a Escola Oficial de Idiomas de Santiago ao que se adheriu un amplo abano de centros de ensino e institucións. A par delas, a editorial acada de novo relevancia grazas a Marta Dacosta, que coa súa antoloxía de xénero Así fala Penélope lle proporcionou a candidatura á mellor iniciativa bibliográfica do ano dentro dos premios Follas Novas, organizado polas asociacións gremiais do libro –editores, libreiros e escritores– que se entrega o próximo sábado 22 de abril en Compostela.
O Premio Ari[t]ma naceu dentro da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela aínda que pronto se converteu nunha iniciativa exitosa que atraeu a outros centros de ensino e varias institucións, como a Consellería de Educación e Cultura. Ao comezo de cada ano, un xurado composto por alumnado e polo personal da escola, ademais doutras persoas pertencentes a diversas entidades e centros patrocinadores e colaboradores, escolle as 10+10 cancións e 10+10 poesías finalistas, de Galicia e de Portugal, de entre as propostas polo propio xurado. A seguir, o público, maioritariamente galego e portugués, a través do voto popular e mediante votación online na Internet, elixe as pezas gañadoras, que se dan a coñecer tras a finalización do proceso.
Este ano, entre as dez poesías finalistas (todas escritas por mulleres) figuran Despois de lermos de Nieves Neira e Tarefas de Mercedes Martínez Modroño, dúas autoras que esta temporada publicaron en Chan da Pólvora os seus libros Neve de agosto e A falta dun Edén, a terra. Como acompañamento da selección, realizaron senllos vídeos que proximamente aparecerán na web da editorial e onde amosan (unha e outra) unha poderosa perspectiva do seu traballo poético, que vai máis alá do estritamente literario.
Nieves Neira
Neve de agosto de Nieves Neira, converteuse nun dos grandes éxitos da temporada en Chan da Pólvora. Con dúas edicións ás súas costas e aínda solicitado nas librarías, este libro confirmou a Neira como unha das voces máis engaiolantes da nova poesía galega. E para comprobalo, está o vídeo gravado co poema fonalista do Ari[t]mar, unha peza dun minuto de duración que resulta turbador e emocionante.
Aínda que levemos anos asistinto á emerxencia de Nieves Neira como poeta prodixiosa na dimensión oral, Neve de agosto é o seu primeiro libro. Nel conflúen escritas de distintas liñas temporais e unha serie de ramificacións que esculcan as voces ocultas do mundo. O título alude á tradición cristiá das nevaradas fóra de tempo, fenómeno milagreiro que sinalaba o lugar onde debía construírse un santuario. Desprovisto aquí da dimensión relixiosa, Neve de agosto fala do estraño que habita o poema pero tamén da perigosa seducción do extraordinario. Aborda a cuestión de esperar o inesperado e non caer na negación do mundo, de asumir a desilusión do horizonte e non negar a emoción e o movemento. Os poemas oscilan, precipítanse e son recipientes de respostas que nos conducen, finalmente, a un espazo onde aínda non existimos.
Mercedes Martínez Modroño
Mercedes Martínez Modroño é unha poeta de acción, unha activista que axita a Ribeira Sacra e que agora se decidiu a encabezar unha candidatura de veciños para lograr a alcaldía da Teixeira, un dos concellos máis afectados pola crise poboacional da Ribeira ourensá. A punto de comezar a campaña, Martínez Modroño recibe con emoción a entrada dun dos seus poemas entre os dez finalistas do Ari[t]mar.
A falta dun Edén, a terra é o título do seu libro, que apareceu na Colección [N], selo partillado por Chan da Pólvora e Amastrangallar. A falta dun Edén, a terra é un berro contra a nostalxia, contra a impostura do paraíso. É un texto apegado a unha realidade de aldea que se resiste a negarse pero tamén a converterse nunha imaxe costumista ou, o que é peor, nunha ficción turística. Mercedes Martínez Modroño crea trazos dunha natureza que se mestura co sangue e que atravesa a subxectividade. Pero, por riba de todo, foxe da fosilización nos soños da idea dun pasado mellor. Rexeita a quimera edénica e ancárnase no presente. O libro forma parte dun ambicioso proxecto que a autora desenvolve desde hai tempo. Nel, os textos prolónganse nunha dimensión musical que interpreta en co dúo Versofonía e que ten como principal espazo de acción a Ribeira Sacra.
Marta Dacosta
Falar de Marta Dacosta é falar dunha das figuras do sindicalismo galego das últimas décadas. Poeta de palabra forte, para Chan da Pólvora realizou a súa antoloxia de xénero Así fala Penélope, volume que vai xa pola súa segunda edición e que lle valeu a editorial a súa candidatra á mellor iniciativa bibliográfica do ano.
Que as poetas galegas foron rompendo moldes e abrindo sucos nun universo antes case masculino en exclusiva é unha obviedade. Que nas últimas décadas se converteron, ademais, nun acontecemento internacional tamén resulta unha realidade incontestable. Marta Dacosta achéganos ao fenómeno, cun traballo dirixido a todo tipo de lectoras e lectores –pero especialmente a rapazada– que nos dá unha perspectiva única e contextualizada de máis de corenta poetas, desde Ana Romaní e María Xosé Queizán a Olga Novo ou Paula Luís. A proposta é un apaixonado percorrido a través da escrita contemporánea das mulleres galegas. Trátase dun proxecto inédito: unha antoloxía de xénero onde os nomes e as cronoloxías trenzan un realto comunal con poemas que nos descobren como elas, con frecuencia, recoseron as palabras usadas para facelas lucir dun xeito distinto ou como, as máis das veces, optaron polas teas novbas. O resultado é unha selección que visualiza autoras, reivindica a literatura e lle ofrece á rapazada unha esixente panorámica da poesía desde finais do século XX ata hoxe.