Publicado o

Chan da Pólvora celebra sete anos de vida este 28 de xuño con Projecto Mourente e Arthur Rimbaud

Un 28 de xuño de hai sete anos nacía Chan da Pólvora e neste 2023 a editora celebra ese mesmo día o seu aniversario. Faino cun encontro festivo a partir das 19 horas do próximo mércores na Horta das Chas, espazo alternativo para a poesía creado na Corredora das Fraguas, no barrio compostelán de San Pedro (no mesmo edificio da Asociación Cultural A Xuntanza). No encontro  presentarase unha antoloxia de Arthur Rimbaud, ao que se lle dedica o Día do Orgullo Galego (DOG) e que aparece na colección Rabo de Egua (a única do estado especializada en poesía lgtbi). Ao mesmo tempo poderemos escoitar a última proposta de Projecto Mourente, referente da música electrónica galega que o ano vindeiro publicará en Chan da Polvora as versións musicais de poetas como Ana Romaní, Lois Pereiro, Fran Cortegoso ou Lorena Souto. E este ano tampouco faltará unha cata de viño. Nesta ocasión será o de Tabián, elaborado nunha das adegas milenarias de Vilachá. A entrada é libre ata completar aforo, ainda que tamén se poden facer reservas.

Projecto Mourente

Projecto Mourente é o pasatempo musical que este profesor inicia en 2006 co apoio do netlabel compostelán A Regueifa. O obxectivo, ademais da pura diversión, é usar tecnoloxías dixitais domésticas (computadores persoais, tabletas e teléfonos móbeis) para producir música. O resultado é xa unha longa lista de cancións de pop electrónico de sabor sinxelo e caseiro. Ademáis de tres álbumes (Baixo os eucaliptos de 2006, Kara.o.ke de 2008 e A Pior de 2012), o Projecto Mourente publicou diferentes sinxelos, así como remesturas de temas doutros grupos afíns como Fanny e Alexander (Compostela), Carrero Bianco (Ferrol) ou Aamigafea (Vigo/Colonia). Ademais, Valcárcel compuxo as cancións do musical infantil Iesi Cebola contra a doutora Rabia Raiña de Xabier Picallo (2004) e participou co grupo The Homens no programa Detrás da canción, con obradoiros e concertos dirixidos á rapazada de diferentes vilas galegas. 

Rimbaud: Seis poemas de inferno e adolescencia

Cando se cumpren 150 anos de Unha temporada no inferno, o único libro que poeta publicou baixo a súa responsabilidade, Chan da Pólvora Editora dedícalle neste 2023 o Día do Orgullo Galego (DOG), celebración que desde hai sete anos pon en valor a obra de autoras e autores comprometidos coa diversidade, como Safo, Serafín Ferro, Garcia Lorca, Blanco Amor, Suárez Picallo ou Sor Juana Inés de la Cruz. Con este motivo, o selo achega estes días ás librarías unha antoloxía ttulada Rimbaud [Seis poemas de inferno e adolescencia], que aparece na colección Rabo de Egua, a única que existe no estado especializada en poesía lgtbi+. O director da editora, Antón Lopo, foi o encargado de realizar a tradución e mais a introdución do volume, onde se inclúen os tres textos iniciais de Unha temporada no inferno, un pequeno poema de Iluminacións e dúas composicións dos seus poemas 

O volume de Arthur Rimbaud é unha selección de Seis poemas de inferno e adolescencia e con el celébranse os 150 anos da aparición de Unha temporada no inferno, o único libro que el supervisou para a súa edición, ademais dos seus poemas de adolescencia. O libro ten, ademais, como un dos seus obxectivos servir de introdución á rapazaza na obra dun poeta capitl, de xeito que o volume se converte nun útil instrumento de ensino para as novas xeracións no ámbito da literatura, dos afectos e da forma de entender a diversidade.