Chan da Pólvora Editora renova o seu compromiso coa Feira do Libro de Monforte, última cita do calendario libreiro do verán, onde presentará entre o 23 e o 26 de agosto as súas máis recentes novidades: Libre de libro de O Leo, As cunchas baleiras de Branca Novoneyra, Seis poemas de inferno e adolescencia de Rimbaud e Lupercais, antoloxia que recolle os poemas do colectivo de poetas vinculados ao festival celebrado en Lugo.
Desde hai anos, Chan da Pólvora mantén o seu compromiso coa Feira do Libro de Monforte de Lemos, cidade na que naceu o director do selo, Antón Lopo e na que se radica a marca específica para a Ribeira Sacra, denominada Biblioteca de Mesopotamia. Nesta edición, a editora ofrece algunhas das voces protagonistas da poesía actual galega, con catro títulos esenciais, entre eles Libre de libro, a radical e combativa entrega de O Leo, que por vez primeira se presenta ao público. Será o mesmo día da inauguración da feira, o 23, a partir das oito do serán e servirá para coñecer a proposta deste artista iterdisciplinar, unha das figiras máis admiradas da escena creadora galega recente.
Na xornada seguinte, o día 24 de agosto ás 20.30, baixo o epígrafe Chan da Pólvora na Feira do Libro de Monforte, preséntase tres volumes de singularidade especial: As cunchas baleiras de Branca Novoneyra, a antoloxía Lupercais de poetas de Lugo e Seis poemas de inferno e adolescencia, que celebra os 150 anos da publicación de Unha temporada no inferno de Rimbaud.
‘As cunchas baleiras’ de Branca Novoneyra
O Leo, unha das figuras xa lendarias da poesía galega, reaparece con descargas de rebeldía en Libre de libro, que chega estes días ás librarías Logo de publicar hai cu ( 2007), O Leo seguíu aínda uns anos anotando pequenos poemas de tres versos, pero deixou por completo de escribir textos máis longos ou letras de cancións. Con todo, hai dous momentos nos que –como el confesa– entra en crise: durante o nadal e no seu aniversario. Nesta última data, con puntualidade anual, ten unha noite de insomnio na que non sabe que facer co tempo, e esa noite tamén se acaba convertendo na única vez no ano en que escribe un poema para matalo.
Co tempo, foinos xuntando e escribindo algún outro nunha liña semellante. O resultado é Libre de libro, un volume que tivo varias encarnacións como froito de recoller e reordenar ou eliminar poemas. Da derradeira asolada, en xullo de 2021, cando fixo 47 anos, xorde esta versión, onde a memoria familiar é a gran protagonista, en especial a súa nai, da que aprendeu o espírito da revolta.
O Leo é o nome co que coñecemos a Leonardo Enrique Fernández Campos (Matamá, Bouzas, 1974). Chegou a Compostela na década dos 90 e debuta como actor con Matarile Teatro en 31 e Zeppellin núm. 7. Déixao para escribir e gravar Suspiros de kaña (1998), co que abre os concertos da xira galega de Veintegenarios de Albert Pla. Regresa con Factoría Teatro n’As presidentas e con Berrobambán en Vendetta. Licénciase en Filoloxía Hispánica e a seguir en Filoloxía Galega. Volve aos escenarios para tocar polo medio de concertos de KGBen e Puta Miseria. Co boom dos blogs e da Internet en xeral, saca a diante haicu.blogspot.com, que se converteu logo en hai cu (Xerais, 2007).
Rimbaud
Rimbaud [Seis poemas de inferno e adolescencia] é un proxecto característico de Chan da Pólvora: un libro sinxelo, maquetado e deseñado por Manuel Martínez, que conserva o sabor pleno dos libros compretidos e o mimo das editoras para intentar interpretar a realidade desde ópticas propias. Antón Lopo, director da editorial, foi o encargado da tradución e mais a introdución do volume, onde se inclúen os tres textos iniciais de Unha temporada no inferno, un pequeno poema de Iluminacións e dúas composicións dos seus poemas adolescentes, “Venus Anadiomena” e “Sensación”, pertencentes á etapa inicial da súa escrita, mergullada no olimpo parnasiano pero xa perturbadora.
O libro forma parte da colección Rabo de Egua, a única do estado español especilizada en poesía LGBI+, un referente en Galicia que inclúe no seu catálogo os versos de García Lorca. Serafín Ferro, Ramón Suárez Picallo, Sor Juana Inés de la Cruz. Brane Mocetic, Pau Vadell ou Antom Fortes.
‘As cunchas baleiras’ de Branca Novoneyra
As cunchas baleiras recolle poemas que Branca Novoneyra escribiu ao longo da última década. Algunas veces o poema desaparece, non queda nada (ou case), agás o que ela, como autora, pode soster no tempo. En certo modo, este libro funcionaría como unha antoloxía onde aparecen os poemas que, ao seu xuízo, resistiron esa peneira. Branca Novoneyra está a favor do silencio poético para encontrar a palabra xusta. Non lle interesa producir libros, senón concentrar a palabra, tensala, probala no tempo e, se é verdadeira, logo gardala. Interésalle a linguaxe simbólica e mítica da poesía da imaxinación, a utilidade da beleza da que fala Kathleen Raine, a mente salvaxe de Gary Snyder e o pensamento raposo de Ted Hughes.
Branca Novoneyra naceu en Lugo (1976) e pasou a infancia no Courel, pero practicamente toda a súa vida está en Compostela, cidade na que vive desde os sete anos. Licenciouse en Ciencias Políticas pola USC e dedicouse durante unha década (2002-2013) á creación coreográfica e docencia da danza co Laboratorio de Movementos. Xunto a Olalla Cociña, programou os Picaversos. Publicou dous libros de poemas Dentro do Labirinto (Espiral Maior, 2009) e Cristal Escuro (Follas Novas nos Libros da Frouma, 2012). Tamén foi concelleira de Acción Cultural no Concello de Santiago (2015-2019). O seu traballo é o de gardar o legado de Uxío Novoneyra, o seu pai, na Fundación que leva o nome do escritor en Parada do Courel. Dirixe o Festival dos Eidos, tamén no Courel.
‘Lupercais’, a poesía de doce poetas de Lugo
Lupercais (Unha antoloxía posible) é o título da escolma que serve de presentación ao grupo de poetas que se reúne arredor do festival anual celebrado en Lugo baixo o nome, precisamente, de Lupercais. O libro, editado na colección Sentulo, é unha oportunidade única para achegarse a algunhas das voces emerxentes da nova poesía galega, con nomes consagrados pola crítica e os lectores como Nieves Neira, Genaro da Silva, Xerardo Quintiá, Luís López Alonso, Antóm Fortes, Luís Valle ou Miguel Ángel Curiel, que nesta antoloxía de Chan da Polvora publica os seus primeiros poemas en galego. A esta nómina únense poetas como María Grandío, Mónica Caldeiro, Sara Praza, Abrahán Pérez e Lois Pérez ata completar un colectivo de doce poetas que viven en Lugo nunha relación profundamente literaria, case bohemia, e que consolidaron a súa amizade arredor das Lupercais, un dos epicentros poéticos de Galicia.
As festas Lupercais conmemorábanse na antiga Roma no mes de febreiro. Nos seus inicios, os sacerdotes chamados lupercos (amigos do lobo) na gruta do Lupercal, no monte Palatino, baixo a sombra dunha figueira, celebraban sacrificios que concluían con actos de purificación. Con esa data como escusa, reuníranse uns cantos poetas amigos na cidade de Lugo en 2022, non para fustrigarse ou tramar sacrificios, mais para convocar á palabra poética. Trátase grupo non pechado, que foi medrando e conformándose pouco a pouco nos últimos anos e que sorprende pola alta diversidade (e calidade) de propostas poéticas.