Publicado o

María do Cebreiro e Antón Lamazares constrúen unha casa cun libro de poesía para crianzas

Quería contarche o que é unha casa, o insólito libro que construíron María do Cebreiro e Antón Lamazares, converteuse na terceira entrega da colección Udra, ideada por Chan da Pólvora para fomentar a poesía na rapazada máis nova. Agora, varios meses despois da súa publicacion, o volume preséntase o venres día 24 na galería Trinta de Compostela. No acto, que comezará ás sete e media da tarde, participarán non só *s autor*s desta singular proposta senón tamén a profesora e crítica literaria Iria Sobrino e Antón Lopo, director do selo compostelán.

A aposta de Chan da Pólvora pola poesía para crianzas acrecéntase con Quería contarche o que é unha casa, onde conflúen dúas experiencias paralelas de maternidade, a da poeta María do Cebreiro no proceso que a fixo nai e a do pintor Antón Lamazares na perda da súa, unha muller que contaba máis de cen anos. O resultado é insólito, tanto polo intento dos dous artistas por conectar coa infancia a través dunha obra conceptual e abstracta, como pola imaxinación despregada. Neste libro todo é desbordante, física e emocionalmente. As nocións de casa e de arte tambaléanse. O embarazo e a maternidade expándense nos ámbitos simbólicos da vida cotiá e a propia vida supera en brillo aos límites do destino. Estamos ante unha obra incomparable, un exercicio escintilante que refunda a arte dirixida ao público infantil.

 

María do Cebreiro

María do Cebreiro [Compostela, 1976] é poeta e ensaista, autora dunha serie de libros que a converteron nunha das referencias da literatura nova en galego. Entre os seus poemarios, figura A lentitude, publicado en Chan da Polvora e integrado nunha triloxía que comparte con Os inocentes e O deserto. Quería contarche o que é unha casa supón a súa primeira achega á poesía para crianzas. Tamén indagou no feito de ser nai co ensaio Maternidades virtuosas.

 

Antón Lamazares

Antón Lamazares [Lalín, 1954] é autor dunha obra vertebrada polo diálogo entre a pintura e a poesía. Desde os seus comezos, internouse nunha viaxe ás orixes, na súa afirmación do mundo primitivo da aldea e do homo faber, pero tamén nesa exploración abismada nos fíos, onde se tece o que el considera a confluencia da alma, da arte e da palabra. O seu proceso artístico avanza desde un inicial expresionismo lúdico cara á arte informalista e abstracta, nunha progresiva esencialización. Acada a súa manifestación máis singular nos últimos anos co Alfabeto Delfín, que funde o pictórico e o poético a través dun alfabeto inventado –“cristiano e labrador”, asegura– e constitúe a culminación do seu proceso pictórico.