Publicado o

Pallarés e Eva Veiga presentan o 22 en Compostela e o 29 na Coruña a súa antoloxía de Luísa Villalta


Así vou eu, formando parte
, a antoloxía poética de Luísa Villalta que realizaron Eva Veiga e Pilar Pallarés, preséntase este xoves día 22 na libraría Pedreira de Compostela, nun acto que comezará ás oito da tarde. O libro tamén se presentará uns días despois na Coruña. Será en Portas Ártabras, o espazo propio da asociación de Amigos dos Museos, o 29 de febreiro, tamén ás oito da tarde. Poucas figuras da literatura galega contemporánea gozan dunha admiración semellante á de Luísa Villalta, poeta de sensibilidade apaixoada que nos deixou unha traxectoria marcada pola busca da verdade.

Así vou eu, formando parte non é só unha antoloxía que percorre a obra de Luísa Villalta para amosar as súas vertentes máis intensas, senón tamén un cofre que contén inesperados tesouros. Durante meses –antes incluso de acordar a RAG dedicarlle a Villalta o Día das Letras Galegas– Pallarés e Veiga adentráronse no complexo mundo simbólico da autorta para amosalo no seu manto esplendente, por momentos sobrecolledor pero sempre fiel aos principios éticos que defendía.

O libro inclúe, ademais da escolma, senllos textos das antólogas onde analizan, de maneira singularizada, os poemarios de Villalta ou despexan nun marco teórico a súa pulsión creadora. Da propia villalta aparecen tamén pezas documentais que axudan a comprender as raíces da súa obra.