Publicado o

Séchu Sende presenta este venres 7 de febreiro na Gentalha do Pichel o seu ‘Passa-montanhas’

Esta sexta feira sete de febreiro, preséntase na Gantalha do Pichel, en Compostela, a partir das sete da tarde, o libro Passa-montanhas de Séchu Sende, un lanzamento co que Chan da Pólvora iniciou o ano 2025. Baixo o lema “festa e revoluçom”, o autor convoca un acto onde el mesmo lerá algúns dos poemas do volume pero no que tamén haberá unha techno-regueifa e pandeiretada, ademais de rosca e empanada para pechar o encontro.

Basicamente, Passa-montanhas é, en palabras do seu autor, “um livro coletivo, que quer representar umha sociedade insubmisa, luitadora, ativa, militante e rebelde. Con el reivindicamos a poesia comunicativa e direta, desde a oralidade e dirigida à maioria social. Poesia para comunicar e criar comunidade”. 

Passa-montanhas é o título dun proxecto de videopoesía para tiktok que Sèchu Sende desenvolveu entre 2021 e 2023. Son máis de 60 poemas que distintas persoas leron cos rostros tapados en curtas de vídeo coa intención de reivindicar as relacións sociais e humanas fronte ás redes virtuais. O libro, de carácter colectivo e escrito en galego reintegracionista, busca representar unha sociedade insubmisa, loitadora, activa, militante e rebelde. Para o autor, o passamontanhas é un símbolo contrahexemónico e poñelo significa participar dunha revolución poética. “Se o primeiro Rexurdimento no século XIX foi escrito”, asegura, “o segundo Rexurdimento, de chegarmos a ativá-lo, deve ser oral e fruto dum processo real de participaçom coletiva”. Esa é, precisamente, a perspetiva sobre a oralidade que impulsa Passa-montanhas.