Publicado o

Elba Rey conversa en Numax con Antón Lopo arredor da vida de Uxío Novoneyra

Cando se cumpren 95 anos do nacemento de Uxío Novoneyra, a Fundación do poeta e a editorial Noudelo e Ribón recuperan A distancia do lobo, biografía que Antón Lopo publicou con Galaxia en 2010 coincidindo co Día das Letras Galegas dedicado ao autor de Os eidos. O volume, revisado respecto da edición orixinal, preséntase ao longo deste mes en distintas cidades de Galicia. Este xoves día 20, a libraría Numax de Compostela acollerá a presentación da biografía cunha conversa entre Elba Rey –muller de Novoneyra– e o propio Lopo, presentados por Branca Novoneyra,  representante da Fundación do poeta. Será a partir das oito da tarde.

A biografía construiuse en primeira persoa a partir dunha sorte de materiais, como a propia obra de Novoneyra, as súas entrevistas, discursos ou artigos, ademais do faladoiro que mantivo con Emilio Araúxo para Dos soños teimosos. Boa parte do libro, porén, utiliza as conversas de Lopo durante meses con Elba Rey. As súas achegas, reflexións e evocacións permitiron sacar á luz un inxente material que o propio poeta, escrupuloso até a obsesión nas referencias persoais, extirpara dos seus textos.

Simultaneamente, os datos contratáronse –ou enriquecéronse– con outras conversas, que abranguen desde Herminio Barreiro ou Luís Cochón a Fernán Vello, Alfonso Pexegueiro, Lois Diéguez, Méndez Ferrín Saleta Goi ou Alberto Ansede, entre outras persoas. “Ao cabo, parafraseo a Novoneyra, poño en dúbida o concepto de autoría e leo a súa biografía como se non a escribise eu. De feito, estas son as últimas palabras de contacto que, amables lectores, tedes comigo. Non fun máis que un intermediario”, remata Lopo a súa introdución da edición de 2010.

A represión da ditadura, o principio de liberación dos pobos, a bohemia, o refuxio das tertulias ou as dificultades de forxar un ámbito cultural propio nos comezos da autonomía en Galicia, son algunhas das estacións dun percorrido que fai escintilar a práctica totalidade da poliédrica persoalidade dun home que converteu a poesía nunha forma de comportamento.