Publicado o

‘Mapa da estría’ de Andrea Nunes únese a ‘Exuvia e saliva’ de Lorena Souto na mellor poesía de 2025

Mapa da estría, de Andrea Nunes Brións, foi elixido o mellor poemario do 2025 polo xurado dos Premios Follas Novas, que convocan as asociacións de escritores, libreiros e editores. O galardón únese ao premio da crítica española para Exuvia e saliva, de Lorena Souto, e colocan os títulos de Chan da Pólvora Editora no cumio da poesía galega, precisamente cando o selo culmina a súa acción editorial. A estes recoñecementos súmanse as candidaturas de catro poemas publicados pola editora para os premios Arri[t]mar, no que son finalistas Ana Romaní polo poema “Recoñezo entre a maleza” –do poemario Love me tender–, Andrea Nunes Brións porUn mar que soña” –de Mapa da estría–, Gonzalo Hermo por “Rito de pasaxe” (de Un xesto de tenrura) e Lorena Souto por O brillo dolorosamente incisivo da raxeira” –de Exuvia e saliva. Ningunha editorial conseguira, ata agora, unha presenza tan avultada neste certame que reúne a música e mais a poesía de Galicia e Portugal.

Andrea Nunes Brións entende o premio Follas Novas non só como un recoñecemento individual senón “como unha celebración das voces que escribimos desde as marxes, desde os afectos e desde outras formas de habitar o mundo”. Para a autora de Mapa da estría, convertido nun auténtico best-seller da poesía galega no último ano,  “a poesía é un espazo de liberdade,de denuncia e tamén de acubillo. Por iso está distinción dame azos para seguir escribiendo en tempos de tanta hostilidade”.