
O 28 de xuño de 2016, presentábase Chan da Pólvora Editora, unha marca que revolucionou e axitou a forma de publicar poesía en Galicia. Transcorridos dez anos, o selo culmina a súa acción e celébrao o próximo domingo no espazo ecopoético da Horta das Chas, en Compostela [rúa das Fraguas 37, soto] a partir das 20 horas. A festa terá lugar de novo un 28 de xuño, pero agora de 2026, e comezará ás oito da tarde. O eixo da celebración é un recital con algunhas das autoras e autores que enriqueceron o catálogo da editorial e que a converteron nun referente. Ademais, como acantece cada 28 de xuño desde o ano fundacional de 2016, presentarase un volume da colección Rabo de Egua, nesta ocasión Literatura de Sodoma, traballo de Carlos Quiroga sobre a queima en 1925, en Portugal, de tres libros de tres autor*s acusad*s de exhibir a súa homosexualidade: António Botto, Raul Leal e Judith Teixeira.
Ao longo do mes de xullo, aparecerán aínda varios títulos en Chan da Pólvora pero a editora, simbolicamente, culmina a súa acción este domingo 28 de xuño a partir das 20 horas na Horta das Chas [Corredoira das Fraguas 37, soto], un espazo ecopoético que supuxo a apertura en Compostela dun ámbito privado de grande interese e singularidade.
Se ben a editora celebra o aniversario da súa fundación cada 28 de xuño, nesta ocasión será aínda máis especial. Ao longo dunha década, conformouse un catálogo con máis de 150 títulos, case cen autorías e miles de lectoras e lectores. Deste xeito, o domingo non só se presentá un novo título da colección Rabo de Egua –a única do estado español de poesía lgtbi+– senón que a Horta das Chas acollerá o recital de vinte poetas de ligazón estreita á editora. Coas súas voces percorreremos a historia de Chan da Pólvora e asomarémonos a algunhas das propostas máis poderosas da poesía actual.
Trátase dunha oportunidade única para ver nun mesmo espazo a Ana Romaní, Ismael Ramos, Branca Novoneyra, Pepe Cáccamo, Margarita Ledo Andión, Carlos Amado, Nuria Vil, Braulio Vilariño, Teresa Moure, Genaro da Silva, Nieves Neira, Luís López Alonso, Mercedes Martínez Modroño, Antóm Fortes, Andrea Nunes Brións, Breogán Xague, Isolda Santiago, Alberto Lema, Míriam Ferradáns e Alexandre Fernández Peón.
Literatura de Sodoma
O libro que este ano se incorpora á colección Rabo de Egua é Literatura de Sodoma, un volume que lembra a campaña en Portugal contra tres escritor*s acusad*s de exhibir a súa homosexualidade na escrita.
En maio de 1922, Fernando Pessoa reedita un libro de António Botto –un autor claramente homosexual– e despois publica un ensaio de apoio que provoca a reacción das forzas máis tradicionalistas e católicas. Tira a primeira pedra Álvaro Maia, enlouquecido porque Pessoa se asociase a semellante “porcallada” e logo aparece Raul Leal, que publica tamén no pequeno selo de Pessoa outro opúsculo titulado Sodoma Divinizada que caldea máis o ambiente. Logo, a Liga de Estudantes Católicos de Lisboa inflámase e emprende a campaña contra as Canções de Botto, a Sodoma de Leal e ainda o libro de Judith Teixeira, Decadência, por unha suposta suxestión lésbica. Ao cabo, en xuño de 1925, as edicións dos tres libros forom incautadas e queimadas por orden do gobernador civil de Lisboa.
Chan da Pólvora recupera as obras que provocaron a xenreira reaccionaria e, da man de Carlos Quiroga, oferece nesta Literatura de Sodoma a atual espingarda galega con mais pólvora contra a intolerancia na primeira edición que reúne os textos polémicos.
Unha antoloxía da man d*s subscritor*s
Para celebrar a súa década de acción, Chan da Pólvora editou unha antoloxía do seu catálogo a través das persoas subscritas ao selo. A iniciativa arrincou en 2024 pero non se puido materializar ata este 28 de xuño de 2026, unha data de especial simbolismo na historia do proxecto. O volume será entregado ás persoas que asistan á festa.
Un proxecto comunal
Chan da Pólvora Editora nace no ano 2016 dentro dun proxecto comunal para devolvermos o potencial de acción da poesía. A editora puxo no centro dos discursos a periferia e apostou por un catálogo inclusivo e interxeracional, con cabida para as voces da poesía nacente e as voces xa afirmadas, as que nos sacoden e as que nos acollen.
Tamén naceu con ánimo de intervención directa e por iso promoveu obras que nos axudasen a comprender as caras menos visibles da realidade inmediata, libros que non estaban concibidos e que impulsamos co convencemento de que alguén os esperaba.
Para Chan da Pólvora, poñer un libro nas librarías ou nas mans das persoas que nos apoiaron mediante a subscripción foi un desafío e unha responsabilidade. Tamén un pracer. Cada título supuxo un reto, tanto na esixencia do noso deseño característico como no noso compromiso de calidade coas lectoras e os lectores. Porque cada título intenta ser unha chamada a reordenar a nosa visión do mundo, da vida e da propia poesía.
A Horta das Chas
Tamén, como cada ano, a festa na Horta das Chas é o momento no que se desabilla o Viño do Pereco, un cuvé familiar elaborado con cepas centenarias das viñas que traballa O Pereco nunha ladeira orientada ao sur da parroquia de Caneda.
A Horta das Chas é un predio de seiscentos metros cadrados que forma parte dunha área de autocultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A denominación de Horta das Chás recolle a disposición en socalcos deste predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio de San Pedro, a asociación A Xuntanza. A Horta das Chas é a sede de Chan da Pólvora Editora e a súa aposta espefísica de eco-poesía para Compostela.



