


En xullo de 1922, no terceiro número da revista Contemporânea, Fernando Pessoa publica o artigo António Botto e o Ideal Estético em Portugal, que provoca a cólera nos círculos portugueses moralmente máis reaccionarios por tratarse dun autor –Botto– abertamente homosexual e dun referente literario –Pessoa– que enxalzaba “comportamentos desviados”. A partir dese momento, armouse unha campaña que durou varios anos e que culminou coa queima, por orde do gobernador civil de Lisboa, non só dos exemplares das Cançoes de Botto senón tamén da revista na que Raul Leal publicara o artigo Sodoma divinizada e doutro título, a xuízo dos estudantes católicos, escandaloso: Decadência de Judith Teixeira. Chan da Pólvora recupera agora as tres obras nun único volume coordinado por Carlos Quiroga que leva por título Literatura de Sodoma e co que a editora celebra un ano máis este 28 de xuño, a partir das oito da tarde, o Día do Orgullo Galego.
A colección Rabo de Egua, a única do estado español dedicada á poesía con vínculos lgtbi+, achega estes días ás librarías un novo título do seu catálogo, Literatura de Sodoma, volume con introdución de Carlos Quiroga que recolle tres obras de especial relevancia na escena queer portuguesa: Cançoes de Antonio Botto, Sodoma divinizada de Raul Leal e Decadência de Judith Teixeira. Trátase do primeiro volume que Chan da Pólvora dirixe ao ámbito común de lectura en Galicia con Portugal e con el celebra o Día do Orgullo Galego, unha data na que conflúe o aniversario do primeiro estatuto de autonomía de Galicia e a reivindicación dos dereitos lgtbi+.
Este domingo, 28 de xuño, precisamente, Chan da Pólvora presenta o volume dentro do programa da festa do selo, que este ano tamén conincide coa culminación da súa acción editorial. Será na Horta das Chas, a partir das oito da tarde como acto previo a un histórico recital coas voces de máis de vinte poetas de ligazón á editoria, desde Ana Romaní ou Ismael Ramos a Andrea Nunes, Teresa Moure, Antón Reixa ou Nuria Vil.
Dentro da complexa historia das agresións contra a visibilidade homosexual, sen dúbida a campaña contra Botto, Leal e Judith Teixeira é unha das máis significativas no ámbito cultural poortugués, en parte porque o detonante foi Fernando Pessoa pero tamén la personalidade dos tres mártires dunha campaña contra “os artistas decadentes, os poetas de Sodoma, os editores, autores e vendedores de livros imorais”. António Botto era un ser librérrimo, Raul Leal introducira o futurismo en Portugal e Judith Teixeira dra unha muller rebelde e bohemia.
A orixe da polémica está na publicación da segunda edición que Pessoa fai das Cançoes de António Botto. Pouco despois, de novo Pessoa publica na revista Contemporânea un artigo no que cualifica a Botto como o único esteta de Portugal. “Artistas”, escribe, “tem havido muitos em Portugal; estetas só o autor das Canções”.
E Pessoa, outra volta, retorce a cuestión ao utilizar o seu heterónimo Álvaro de Campos para rebater os seus propios argumentos no número 4 de Contemporánea. De Campos sostén que Botto é inmoral e indecente pero, ao mesmo tempo, considera que iso o fai forte. Nesa mesma revista, un xornalista de filiación tradicionalista, Álvaro Maia, responde indignado a Pessoa por apoiar unha obra “repugnante, indecente e escandolosa e putrescente”.
Á polémica únese pouco despois Raul Leal coa publicación dun volume titulado Sodoma divinizada na editorial Olisipo, que dirixía Pessoa. A xenreira desatada foi grande e arrastrou por diante a Judith Teixeira co seu libro Decadência, no que algúns albiscaban pegadas lésbicas. Os estudantes católicos e a tumescente moralidade do Estado Novo portugués alíanse para liquidar os tres autores. O gobernador civil de Lisboa manda queimar en 1923 os seus libros, Botto vese obrigado a emigrar ao Brasil, Raul Leal sufrirá distintos actos violentos e non volverá a escribir nos xornais ata dúas décadas despois. Judith Teixeira desaparece.
O volume que se integra na colección Rabo de Egua de Chan da Pólvora inclúe as tres obras da polémica e unha introdución de Carlos Quiroga que reconstrúe os acontecementos históricos e as características literarias das pezas. É, sen dúbida, unha edición de singular importancia que ata agora non se fixera en Portugal. Unha pequena xoia que enriquece o catálogo do selo galego e que serve para ampliar a dimensión da terrible crónica da represión contra os artistas das sociedade alternativas.



