Publicado o

A crise do papel leva por diante a Arjowiggins, unha das marcas de referencia de Chan da Pólvora

Arjowiggins, un dos fabricantes de papel máis imaxinativos do mundo e unha das marcas predilectas en Chan da Pólvora, entrou en concurso de acreedores, incluíndo as súas históricas plantas de Stoneywood e Chartham. No catálogo desta productora británica atopamos inspiración para algúns dos nosos libros máis celebrados, en especial os imprentados coa cartolina Rives, na que chegaron ás librarías, entre outros, a antoloxía de Xela Arias A vida ía en serio, realizada por Chus Nogueira, e o recente Palmeiras, piueiros de Anxo Angueira, ademais do Curius de Tempo fósil de Pilar Pallarés ou o keaycolour empregado nos Cadernos persoais de Lois Pereiro. A quebra de Arjowiggins fai destes exemplares auténticas pezas de coleccionista. E é que a crise do papel está a resultar implacable. Ameaza con afundir a industria papeleira e, dunha maneira máis preocupante, a produción alternativa de libros materiais. A fábrica de Stoneywood produce desde 1770 e é especialista en papeis de calidade, mentres que Chartham funciona desde 1738 e fabrica papeis translúcidos. Conqueror, Curious Collection, Keaykolour, Rives e Delos son algúns dos excepcionais papeis que fabricaban, boa parte deles empregados nos libros de Chan da Pólvora.