Publicado o

‘A desvértebra’, de Ana Romaní, convértese no mellor libro de poesía do ano

A desvértebra, un título editado por Chan Pólvora que significou o regreso de Ana Romaní á poesía tras case unha década de silencio, foi aclamado onte  [sábado, 15 de maio] como o mellor libro de poesía do ano 2020, dentro dunha gala organizada pols Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación Libreiros de Galicia. A gala tivo lugar no Teatro Principal de Compostela, conducida por Quico Cadaval coa participación do cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago.  Outro título de Chan da Pólvora, nós outras de Marica Campo e Menchu Lamas, converteuse tamén no libro mellor editado do ano por ser, segundo o xurado, unha “edición case artesanal na que todas as pezas da edición encaixan para conseguir un volume con identidade única. Que une con exquisitez a voz da poesía e as imaxes. Combinando literatura infantil con arte contemporánea”.

A desvértebra [que pode verse, segundo o xurado como “unha reacción contra a sociedade do espectáculo, mantendo a tensión entre a tradición e a modernidade poética”] supón un xiro revelador na obra de Ana Romaní, que lle descubre ás lectoras e lectores novas vertentes e expresións dunha voz que xa é, en por si, unha das máis admiradas da poesía galega contemporánea. Estamos ante un libro que imbrica a trascendencia co humor, a postura de radicalidade ética coa máis fina ironía ata conseguir un dos títulos máis relevantes que se publicaron en Galicia nos últimos anos.

A desvértebra é un territorio literario, xeográfico e político que Ana Romaní cartografía co rigoroso instrumental do poema, convertido aquí na substancia dun corpo común, social, inmobilizado, pero tamén nun exercicio liberador de ironía e irreverencia paródica. Na desvértebra todo semella estar a caer e nese abismo conflúen tempos e espazos. Os seus exhaustos organismos, sometidos ao escrutinio, ao control, á disección, á disciplina, aos mecanismos diarios da vixilancia, explotación e espolio, parecen subsistir nos ámbitos sitiados por unha autoridade que se arma nos discursos, con estratexias despregadas no emocional, no intelectual e no físico. E aínda na crueldade táctica disciplinaria e nos espazos cotiáns onde se manifesta tentacular ese dominio, Ana Romaní fai emerxer orografías imprevistas, outras formas da materia vibrante, acaso a vida.